Artigos de Xurxo Ayán

Diplomacia abisimia

O Estado etíope, da mao do ditador encuberto Meles, armou recentemente toda unha manobra publicística para amosar ao mundo o renacemento da vella nación abisinia, aproveitando o rebufo da chegada do novo milenio (segundo o calendario do vello cristianismo etíope). Malia que no noso pais aínda se asimile Etiopía coa grande fame de mediados dos anos 80, o devalar xeoestratéxico da Sobremodernidade trocou o curso dos acontecementos. O rexime abisinio é un fidel aliado dos U.S.A. no Corno de África, conta cun dos mellores exércitos do continente, e garante unha paz e estabilidade que escorrentou a pantasma dunha guerra civil dende a finalización do último conflicto en 1991. Trala tentativa de modernización fallida durante o goberno comunista (1974-1991), o verdadeiro “progreso” vén agora da mao de China, artífice de equipamentos, estradas e da formación de técnicos do país. A propaganda oficial déixase levar e espalla aos catro ventos a boa nova do renacemento etíope. Unha simple visita ao aeroporto de Bole en Addis Ababa amosa ben ás claras esta manobra, con carteis que bendicen a reposición do obelisco roubado por Mussolini ou publicitan a compra por Ethiopian Airlines de 10 avións de luxo, como o que vén de esfragarse nas costas do Líbano.

O calcetín

Maxistral a reportaxe sobre Baltar Júnior no Xornal Galicia do pasado domingo. Na fotografía de cabeceira o fillo natural que tamén quere ser fillo político amosa fachendoso un calcetín usado de John Lennon, peza de coleccionista, disque.

Soños de arxila

A alfareira gumuz Amäna Shami fai potes coas súas maos no poboado de Bowla Dibas’i, alá nas terras quentes do Nilo Azul, en Metekel, no occidente de Etiopía. Na aldea reproduce a técnica aprendida da súa nai. Paseniñamente comeza a dar vida a uns cacharros que transmiten información a través da súa forma, da súa decoración, do seu tamaño, son signos icónico-visuais nunha comunidade premoderna, analfabeta. As alfareiras gumuz debuxan un círculo na terra e chantan unha lanza para protexer o labor ceramista dos malos espíritos.

A Atlántida

Todo comezou cando a Platón lle deu por falar en dous diálogos (valla a redundancia), “Timeo” e “Critias”, dunha terra asolagada máis alá das columnas de Hércules, dun imperio chantado na vella illa de Atlantis. A detallada descrición platónica da Atlántida chantou os alicerces de seculares saberes esotéricos e científicos. Unha boa introdución a ámbalasdúas perspectivas foi o libro de Charles Berlitz “La Atlántida, el octavo continente” (1985), de notable éxito en España da man do Círculo de Lectores. O mesmo autor dera ao prelo “El Triángulo de las Bermudas” e outra obra profética, esquencida por razóns obvias: “Fin del mundo, año 1999”. A día de hoxe, a procura da Atlántida segue formando parte da axenda arqueolóxica española e internacional. A ecuación Tartessos=Atlántida continúa alicerzando unha tradición investigadora anovada con novas tecnoloxías, reconstrucións de liñas de costa, programas informáticos que recrean tsunamis do pasado e recentes sondaxes arqueolóxicas na contorna do parque natural de Doñana.

Diarra

Bourean as farolas metálicas do Paseo Marítimo. A chuvia trouxo, por fin, un ventiño garimoso que rematou coa friaxe dos días de Nadal. Diarra pensa na calor abafante da súa aldea, no interior de Mali, onde os novos tempos acrecentaron vellos problemas. O conductor, á quen todos chaman O Pipas, vai co piloto automático conectado, a 20 kilómetros/hora, mentres prende un pitelo tras outro. Ducados, por suposto. A dúbida ofende. O xornal da cidade fica debruzado sobre o asento do copiloto. Antes da inminente baixada á Segunda categoría do equipo de fútbol da capital (no que o porteiro fora hai anos un príncipe africano) aparece a doble páxina o conflicto étnico desatado en Kenya, ese paraíso turístico. Diarra fica abraiado fitando cos seus ollos grandes a fotografía dos corpos calcinados dentro dunha mesquita arrasada por homes dunha tribo rival. Queimados vivos, nenos e mulleres. As pupilas enchoupanse mentres a lúa alumea unha noite embravecida.

A fiestra valdeira

O último en tendencias reconstrutivas de vivendas protohistóricas é contratar expertos en interiorismo para deseñar o interior das cabanas dun castro. Non sabemos se estes especialistas botarán man de Ikea, DecorFogar ou se tentarán aplicar os consellos das revistas especializadas tipo Hábitat para facer ver ao visitante como vivía a xente dos castros. Tampouco sabemos se se decatarán dunha solución arquitectónica moi querida polos galaicos e que remaneceu até ben pouco: a apertura de pequenos vans no interior das paredes nos que se gardaba de todo. Mesmo dentro dos muros se depositaba cultura material.

Bo badal

As badaladas son toda unha arte. Un meu tío aínda sabe facer soar a defunto, a defunta, a nacemento dun neno, dunha nena. Ademais de signo icónico-visual, as campás da igrexa parroquial, tanguidas por maos sabias, saben transmitir información que chega ao corazón. O badal convertido en ferramenta para a comunicación non verbal, en plan semiótico. Eu mesmo, de monaguillo casual, teño feito os meus repeniques domingueiros en Cerasia.

Que cruz!

Foi pola revolución de Asturias do 34 cando ao meu avó e outros mozos de Cerasia lles deu por tentar voar a ponte do tren nun acto de sabotaxe como tantos houbo entre Monforte e Ponferrada. Como no filme A ponte de Remagen, a dinamita empregada era como de plastilina. Nunha parroquia veciña chegou a ondear a bandeira soviética no campanario da igrexa. Tralo fracaso veu o medo e algún incluso botou máis dunha semana agochado no monte. O feito quedou na memoria colectiva, pero adornado cun pequeno detalle inventado: seica en pleno furor roxo algún quixo queimar a igrexa...