Artigos de Xurxo Ayán

Déficit de decencia

O golpe de Estado feixista de xullo de 1936 rematou coa democracia. Algúns alcaldes galegos lograron fuxir por mar, como foi o caso dos de Boiro, A Pobra do Caramiñal ou Vilagarcía de Arousa. Outros pagarían a súa lealdade á legalidade coa súa vida, coma o alcalde de A Pobra do Brollón, na estrema oriental da Terra de Lemos. Todos os concellos que viron morrer os seus alcaldes seguen existindo hoxendía, polo que cabería agardar un recoñemento institucional de todos eles, no presente, cara ás vítimas do franquismo. Que isto non sempre sexa así amosa o impacto do medo e da represión no exercicio da democracia no Reino de España.

Epicuro de Samos

Cando eu era cativo chamábame moito a atención o nome da madriña de miña mai, unha señora velliña chamada Basilisa, parente lonxana da familia por terras do val de Quiroga. Xa de maior, ao estudar a organización altomedieval do territorio galaico, comprendín de vez o porque dese antroponímico tan raro a ollos dun neno. A terra de Lemos e Quiroga foi bisbarra dominada dende época temperá polos frades bieitos, tanto de San Vicenzo do Pino no cumio do actual Monforte, como, sobre todo, dos monxes de Samos. Este mosteiro de Samos, seica fundado en época visigótica, puxérase baixo a advocación, entre outros, de San Xiao e Santa Basilisa. A influencia de Samos no século XX nestes pagos lemavos seguiu sendo grande. Así pois, na miña Ceresia, inda nos recordamos dun veciño da casa do Turín, que entrou de frade antes da guerra no mosteiro, onde correu co nome de Frei Fulgencio.

As facendas

Nas lendas castrexas sempre se fala da rapariga que toupa cunha moura cando vai coa avenza ou a facenda a pacer na coroa dun castro. Para os leitores e leitoras máis urbanitos e urbanitas cómpre lembrarmos que esas verbas de “avenza” e “facenda” refírense ao gado da casa, as ovellas, cabras ou vacas, animais que forman parte orgánica da casa, canda eidos, persoas e capitais. Na vella sociedade labrega e gandeira galaica “facenda” vén sendo sinónimo de riqueza, e mesmo este é o alcume que leva algunha casa grande polas terras de Lemos.

Eu renazo galego

Neste outono que se achega á invernía van marchando na súa barca de pedra esgrevios intelectuais galaicos. Os clásicos morren, pero perdura a súa memoria escrita. A mellor homenaxe cara a eles é voltar abrir as follas daqueles libros, ás veces poirentos, que marcaron o devalar de un mesmo nalgunha etapa da súa vida. Isto é o que me acontece con Xosé Chao Rego e o seu ensaio “Eu renazo galego” (1983). Eu fixérame con el dez anos despois da súa saída do prelo.

Nós nus: Sobre a Unidade Popular

Os prehistoriadores e as prehistoriadoras (que de todo hai) podemos afirmar dúas cousas encol do pasado máis lonxano de Galicia: 1. Que dende que chegou o xénero Homo cos seus bifaces aquí houbo unha notable presión demográfica, e 2. Que dende a Prehistoria recente, os galegos e galegas temos a manía de vivir esparexidos polo territorio, ao chou, á nosa bola. Este hábitat disperso que tanto chama a atención ás xentes do centro-sur da Península Ibérica é unha boa estratexia para fuxir das concentracións derivadas do Poder. De aí a teimuda resistencia a cousas como a alcumada concentración parcelaria.

O Antroido Satánico de Outono

“Pathfinder Express” foi o nome das primeiras manobras que fixeron conxuntamente o Exército franquista e os militares estadounidenses por terras de Zaragoza en 1967. Daquela os soldados ianquies acantonados nas bases concedidas por Franco comezaron a xogar o rol dos mercaderes fenicios e gregos que se achegaron ás costas da Península Ibérica nos séculos IX-VIII a.n.e. Eles foron a canle de transmisión dun curioso fenómeno de aculturación e hibridación no que a cultura material xogou un papel senlleiro. En Galicia, os norteamericanos que velaban os radares na estratéxica costa atlántica foron un chanzo máis neste proceso para achegar a cultura do Imperio a certa parte da sociedade galega.

O can do Reino

Contoume un bo amigo rianxeiro. A vila de Dieste e de Castelao, como urbe pequeniña, sempre tivo ínfulas de superioridade con respecto aos “pagani” da contorna, de aí que se empregase o castelán como idioma intramuros. Na casa do meu colega unicamente se lle falaba galego… ao can.

Que pena de país!

O panonio Martiño de Dumio xa denunciara no século VI a litolatría endémica dos galegos, uns seres que adoitaban adorar a natureza enteira, pedras incluídas. Os e as habitantes dos castros eran mestres na xestión do xabre para faceren pavimentos, eran consumados canteiros para ergueren cabanas e muradellas e xunguían o seu espazo doméstico aos rochedos. Velaí están os seixos remarcando os currunchos no castro de Viladonga ou os penedos que foron respectados para vertebrar o caserío do interior do castro de Baroña. Toda unha simboloxía que impedía incluso extraer pedra de montes sacros da Gallaecia.