Artigos de Xurxo Ayán

Outro Día das Letras Galegas

Eu gosto das historias de veterinarios e médicos que traballan no rural. Xente apegada á terra que percorren cada día, facendo centos de kilómetros, rozando as corredoiras do tempo. Individuos cunha notable intelixencia emocional que lles permite apreixar a sensibilidade duns clientes que se resisten a deixar de ser, labregos e gandeiros “pagani”. Moitos destes menciñeiros-científicos son verdadeiros intelectuais, curiosos rebezos que non só operan animais e persoas (desculpade a redundancia), senón que tamén moitas veces se convirten en etnógrafos dun mundo que se vai, e mesmo en escritores de boa pruma, nun galego propio dos que mamaron esa lingua dende meniños.

A galeras, a remar

O poder domestica, e sempre tenta modelar a realidade dacordo a un patrón ideolóxico que sanciona un determinado concepto de cidadán, cliente ou vasallo. Foucault traballou moito este eido da biopolítica e o seu pensamento é decote aplicado para comprender as estratexias de construcción da realidade empregadas por diferentes reximes. Así por exemplo, o Estado feixista de Franco ergueu cunha tremenda coherencia todo un entramado material para reflectir o home da Nova España. Ese varón, patriota, metade monxe, metade soldado, como non cansaban de repetir os responsables da Fronte de Xuventudes na década de 1940. Ese home clasificado nun sistema vertical, xerárquico, corporativista e orgánico. Os “productores” como subalternos. Contra a pantasma da revolución social, da reforma agraria republicana, da España autonómica… o feixismo foi quen de impoñer na cotidianeidade o seu arcaizante modelo social a través dun mecanismo clásico: o monopolio do espazo público, eido exclusivo dos vencedores. Este proceso de patrimonialización deuse ininterrumpidamente durante corenta anos, agochado baixo a parafernalia da xustiza e da paz social.

Algo fede na Universidade

Se non lembro mal, “Aquí huele a muerto” fora unha película infame dos Martes y 13 cando petaban forte no humor televisivo deste país. Está ben que na 2 sigan repoñendo os gags destes dous tipos abonados ao absurdo. Deles ben podía ser a situación que se viviu na Universidade Complutense de Madrid. Seica a crise económica leva á xente do común a procurar alternativas para evitar gastos que escarallan as previsións para chegar a fin de mes. Se vos fixades, hai unha manchea de coches abandonados á súa sorte en beirarrúas e cunetas de estrada. Non hai cartos para pagar seguranzas e menos arranxos mecánicos. El nunca o faría?

O caso Born

“Un náufrago desmemoriado é rescatado do mar por mariñeiros italianos. O home non leva ren canda si. Só unas balas fincadas nas costas e un número de conta dun banco suízo adherido á cadeira. Non posúe identidade nin pasado, pero ten unha serie de aptitudes (don de linguas, artes marciais) que permiten deducir o desempeño dunha profesión de risco”. Esta podería ser a sinopse dun documental sobre a vida dun fillo calquer de Jordi Pujol pero non, é o resumo que Filmaffinity fornece sobre a película de Doug Liman “The Bourne Identity” (2002).

Bo e xeneroso

A única que vez que vin a Suárez en persoa era xa todo un cadavre político. O meu pai tivo a ben levarme ao paraninfo do instituto Sanchez Cantón en Pontevedra para ver actuar ao fracasado presidente do CDS, a piques de esmorecer para sempre. A impresión que me ficou daquel acto foi que estabamos diante dun conferenciante, non dun político mitineiro. Xa daquela, debía ser o ano 1990 ou 1991, a xente ía ver a Suárez coma un relicto, un fósil do pasado recente máis lonxano. Pouco quedaba xa daquel flamante líder que veraneara na finca La Atlántida e convertera A Lanzada na meca de peregrinación de arribistas e mequetrefes que despois lle deron as costas e o derrubaron. Velaí a miseria destes funerais de Estado que non fan outra cousa que amosar a podremia e a decadencia deste noso rexime constitucional. Até tiburóns como Florentino Pérez ou Martín Villa sacaron peito presentándose como adalides do centrismo e a democracia. Manda chover na Habana.

A Depuradora

A ultradereita española considera que o movemento social de Gamonal está controlado polos terroristas bascos, isto é, os abertzales. Individuos que queiman todos o caixeiros agás os da Kutxa, radicais revolucionarios que inzan as rúas de Burgos de medo e xeneran pánico na xente de orde. Pola súa vez a dereita española (que así mesma se alcuma liberal) non chega tan lonxe, pero tamén condea calquer movemento cidadán de base que demande con voz propia un chisco de xustiza social.

Catro lousas e un funeral

Unha amiga que leva xa uns anos traballando en Euskadi contábame que ao día seguinte do anuncio de tregua definitiva de ETA chegou ela ao choio coa esperanza de que se comentase a xogada. Nin por esas. Seguiu sendo un tema tabú do que non se fala, sobre todo coa xente de fóra.

O’Gurugú

A guerra de Marrocos tivo unha importancia extraordinaria para as comunidades labregas. Milleiros de mozos campesiños morreron na loita colonial contra os rifeños. Aparte do sangue derramado, a experiencia para os sobrevivintes tivo moita importancia para modelar a cosmovisión da xente nosa.