Artigos de Alberte X. Araúxo

Psicofármacos?, si grazas, mais non así

“As persoas con trastorno mental lanzaron unha mensaxe cada vez máis clara sobre a necesidade de axustar a súa medicación á dose mínima que lles permita desenvolver unha vida o máis normalizada posíbel cos menores efectos secundarios. Hoxendía, a medicación é a única vía que teñen estas persoas para estabilizar a súa enfermidade, pero en moitos casos produce unhas secuelas devastadoras sobre os pacientes e non sempre se realiza un traballo o suficientemente preciso para acadar a dose ideal, que é diferente en cada individuo”(*). (FEAFES- Galicia, 2014).

Podemos? Si, por nós mesmos

Na Irmandade da Sanidade Galega vimos de celebrar hai ben pouco a cuarta asemblea xeral, na que se homenaxeou a obra e figura do Dr. López Nogueira, polo seu labor a prol da nosa lingua. A existencia da ISG é, en si mesma, unha anomalía necesaria. Anomalía por canto irmanarse para defender o uso normalizado da lingua propia do país, nunha actividade tan esencial como a sanitaria, parecería algo incomprensíbel e mesmo extravagante. Necesaria por canto a nosa lingua esmorece.

Feijóo, Mosquera, emenden o Libro Branco

A Cátedra de Psiquiatría Infantil da Fundación Alicia Koplowitz – Universidade Complutense de Madrid, presentou este ano o primeiro Libro Branco da Psiquiatría do Neno e do Adolescente. Xustifícase este documento pola necesidade de coñecer a realidade da atención en saúde mental aos menores nos diferentes territorios do Estado español. O momento, por máis que serodio, é acaído por canto o Ministerio de Educación español ven de incluír no catálogo de especialidades médicas á Psiquiatría Infantil, unha demanda antiga e reiterada das asociacións de doentes e de profesionais sanitarios. Este traballo da Cátedra chega co aval dos seus autores, un comité constituído por profesionais de recoñecido e indubidábel coñecemento, traxectoria e prestixio de todo o Estado, e máis polos responsabeis de saúde mental das Comunidades Autónomas (CCAA). Tamén de Galiza.

Boca grande, política cativa

A empezos deste outubro, como cada ano, celebrouse o Día Mundial da Saúde Mental. O recentemente nado Movemento Galego da Saúde Mental tentou, con diversos actos ao longo do país, evidenciar a difícil situación cotiá que viven na Galiza as persoas que sufren un trastorno mental grave (TMG).  O obxectivo era tornar o formalismo festeiro e autocompracente da data –deseño corrente da administración- en visibilización dos enfermos, en clarificación da súa situación, e en compromiso cas solucións, sendo canle para os propios doentes protagonizar ese día. Fronte á continua mesta brétema de desinformación oficial, compría evidenciar obxectivamente con números, documentos e experiencias, o desleixo da Consellería de Sanidade na atención a estas persoas. 

Suicidarse

Galiza ten unha taxa de suicidios moi elevada -superior á media do estado español-, situándose preto da dalgúns países europeos tradicionalmente con alta suicidabilidade -Suecia e Dinamarca-, se ben lonxe dos de maiores índices -Rusia, Eslovenia ou Hungría-. Mais non só se mantén esa triste posición relativa: nos últimos anos ten habido mesmo un aumento en valores absolutos, como recollen as estatísticas do INE (ca. 12/100.000 hab, un 30% superior á media do Estado).

"Va tacito e nascosto"

O proceso de privatización do sistema sanitario público galego é xa un feito e segue un plan. Os colectivos na defensa da sanidade pública (SOS Sanidade Pública e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública), así como os sindicatos maioritarios (nomeadamente CIG Saúde) levan tempo informando, explicando e denunciando -con datos obxectivos e verificabeis-, as decisións do goberno de Núñez Feixóo de ofrecer ás empresas privadas o que é patrimonio de todos nós. A ninguén se lle escapa que o deseño desta privatización, xa en marcha, non nace da testa da Conselleira Rocío Mosquera e do seu equipo de “encargados” –nunca faltou un roto para un descosido, nin un corno para un atrevido-.

Pechar os manicomios

Escoitar na boca da dereita neoliberal –privatizadora a esgalla dos servizos públicos - consignas progresistas, é un esperpento. “Pecharemos os manicomios!”, proclaman dende a Consellería de Sanidade, satisfeitos por coroar un vello obxectivo dos movementos sociais e profesionais máis comprometidos cos enfermos mentais. Décadas porfiando por pechar os frenopáticos, mais non simbolicamente. Compría rematar co manicomial, acadar a desinstitucionalización: sacar do hospital, xerar estruturas comunitarias e superar a dependencia institucional do doente (F. Rotelli). Ergo, dotar de novas ubicacións, de redes complexas de servizos e axuda para unha cidadanía con plenos dereitos. E engadiríase: ofrecer unha atención integral -médica, psicoterapéutica, social e laboral- avalada por evidencias científicas. Pechar os manicomios non significa só clausurar un espazo físico –que teima a da dereita co ladrillo!-. É diso realmente do que falan na Consellería? A dúbida xustifícase por canto o goberno de Núñez Feixóo está inzado de bocaláns, mestres da impostura e da propaganda.

Un futuro escrito a lapis, o problema

Hai expresións, berros de desesperación, que non deixan indiferente. Cando uns pais deciden “entregar” o seu fillo á Administración, buscando paz, respiro e acougo, seguros e tristes da decisión tomada, cun desapego terríbel, estarrécese o corpo do máis sosegado. “Quédense co meu fillo!”, decía unha nai desolada co seu cativo de doce anos. “Non podemos con el, destrozounos a vida, non facemos bó del..., tentou guindarme escaleiras abaixo..., bateu no pai o que quixo... insúltanos, fai o que quere”. Non se trata dun neno traveso, zarapelo, lacazán, badanas e trasno. Desos hai a moreas, e van indo ao rego (ou non). A historia deste neno que tentan, sen éxito, entregalo ás institucións, é outra. É a historia dos rapaces cun trastorno grave de conducta (TGC). Unha realidade dramática, na que pais sobre todo, mais tamén profesores, educadores e terapeutas, están moi sós.
Alberte X. Araúxo Vilar Alberte X. Araúxo Vilar (Pontevedra, 1961) Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela e especialista en Psiquiatría polo Hospital Clínic i Universitari de Barcelona. Foi profesor de Psicopatoloxía na Universitat Autònoma de Barcelona. Actualmente realiza a actividade asistencial no Servizo de Psiquiatría do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, onde tamén imparte docencia universitaria en Clínica Psiquiátrica como Profesor Asociado de Ciencias da Saúde da USC. Autor de numerosos capítulos de libros y publicacións en revistas especializadas, no campo da psiquiatría e a saúde mental. Membro da Coordenadora Nacional do Movemento Galego da Saúde Mental.