Artigos de Elipses e sombras - Eduardo Maroño

Novas aventuras da illa remeira

Se a banda deseñada infantil conta hoxe cun referente en Galicia, ese é "Marcopola, a illa remeira", serie creada polo vigués Jacobo Fernández Serrano que alcanza xa o seu terceiro álbum. Cun excelente pulso narrativo e un engaiolante desenvolvemento gráfico, a cabeceira demostra que o cómic para cativos pode cumprir cos mesmos estándares de calidade que o destinado a un lector adulto.

Aurora West, heroísmo e legado

David Rubín presenta estes días "El momento de Aurora West", unha aventura xuvenil producida en colaboración co historietista norteamericano Paul Pope. Aínda que nun formato menos espectacular que o dos seus traballos recentes, a obra reúne as virtudes coñecidas do artista ourensán ao tempo que supón a súa primeira experiencia no mercado norteamericano.

Inventario de beleza cotiá

Fran Bueno presenta estes días "Catálogo oneroso de beleza gratuíta", un álbum intimista e de grande beleza plástica co que resultou gañador do Premio Castelao de Banda Deseñada 2013. A obra amósanos unha nova faceta na carreira do seu creador, a do artista que fala en primeira persoa e se presenta ante o lector sen intermediarios.

O detective e a cidade

Chega ás librarías galegas ‘Cidade de cristal’, adaptación á banda deseñada da novela homónima de Paul Auster a cargo de Paul Karasik e David Mazzuchelli, un título esencial do cómic de autor norteamericano das últimas décadas que acaba de ser vertido ao galego por Xavier Queipo.

O enigmático universo de Andrés Magán

Chega ás librarías 'Griza Zono', un relato persoal e labiríntico de Andrés Magán co que está a darse a coñecer Fosfatina, un novo selo editorial vigués centrado na publicación de cómics e fanzines.

Última fuxida a Hicksville

Estaleiro Editora vén de publicar 'Comics desde Hicksville', unha compilación de narracións breves do historietista neocelandés Dylan Horrocks. A obra achéganos ao traballo dun autor que acadou sona internacional a finais dos anos 90 coa novela gráfica Hicksville, pero que dende hai anos ocupa deliberadamente un segundo plano no mercado internacional da banda deseñada.

Fanzine e autoedición, outra forma de facer cómic

Corren bos tempos para os fanzines e a autoedición. Coincidindo co tramo final de Viñetas desde o Atlántico celebrouse na Coruña a primeira edición do Autobán, microfestival de banda deseñada autoeditada e de autor organizado pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, onde se presentaron as iniciativas dalgúns dos autores noveis máis prometedores do país e tamén proxectos de edición á marxe dos circuítos convencionais. O evento confirma que as ideas ferven entre a xente nova, pero tamén que existe unha corrente de autores consolidados que pulan por crear alternativas ao sistema tradicional de edición.

Dámsmitt

Kike Benlloch é un dos poucos autores galegos cunha traxectoria longa e estable como guionista de cómics. Ademais de ser membro fundador do colectivo Polaqia, coordinador de publicacións diversas (Mmmh!!, Barsowia, H2Oil) e comisario de exposicións sobre cómic, Benlloch ten publicada unha decena de títulos propios, ademais dunha chea de relatos breves espallados en cabeceiras como Barsowia, Golfiño ou BD Banda. Entre os seus colaboradores atopamos algunhas das figuras máis relevantes da BD galega actual, como David Rubín, José Domingo, Alberto Vázquez ou Manel Cráneo, con quen asinaría este Dámsmitt, álbum que foi publicado orixinalmente en 2006.