Artigos de Francisco Rodríguez

18 comidas como síntoma

Este filme de Jorge Coira é todo un síntoma. Positivo por canto vén reafirmar a capacidade para facer un cinema nacional galego por parte de algúns directores con pouco orzamento, sendo o resultado digno artisticamente, interesante semanticamente e capaz de prender nun público maioritario.

Estratexia de confusión

Resulta rechamante a insistencia dalgún analista e dalgunha institución privada, autodenominada galeguista, en descualificar e caricaturizar o discurso, e logo a práctica decorrente, do nacionalismo galego en materia de defensa do noso idioma, en circunstancias de tanta hostilidade a agresividade por parte da Xunta.

A peor construción do home

É o nacionalismo. Así de rotundo expresouse Vargas Llosa, nunha entrevista en El País (29, agosto, 2010), co gallo da aparición da súa novela, El sueño del celta, inspirada na vida de Roger Casement, un irlandés, diplomático británico, convertido ao nacionalismo, após comprobar os horrores do colonialismo en África e defender os dereitos humanos contra a barbarie colonial.

Narcótica localista

Provoca mágoa e cabreo observar como, en momentos críticos, algunhas institucións recorren ao narcótico localista para confundir e desorientar as masas (así consideran o pobo).

Cans doentes

O sentimento de españolidade, trasunto da subordinación, que se vive como dependencia necesaria e desexada, cústanos moi caro aos galegos. Non é casual que a chamada á recuperación da nosa condición de galegos e galegas, por enriba de outra impostada, se expresase na contundente aseveración rosaliana “Galicia, non debes chamarte nunca española…” ( “A Gaita galega”, resposta ao eminente poeta republicano español, Ventura Ruíz Aguilera, que non gostou nada dela). Hoxe, máis que nunca, segue a ser esta unha das chaves para a nosa rexeneración como pobo (autoestima, confianza na nosa capacidade e na potencialidade do país, fraternidade e igualdade). A españolidade nen provoca nen conduce a nada disto. Provoca desafección, desconfianza, individualismo, admiración papona pola hierarquía do poder…

Sentido de realidade

Corren tempos de confusión. Non é menor a que aferrolla a moitos ideoloxistas que din renegar do sistema capitalista. Unha das máis pertinaces características da esquizofrenia existente é a do altermundista que non asume unha política real anti-globalizadora. Podemos darlle as voltas que queiramos, pero a rectificación do proceso globalizador pasa pola asunción da política nacionalizadora, polo exercicio da soberanía ou capacidade de decisión democrática das nacións. Con esta lóxica e con este obxectivo teremos que articular unha mentalidade internacional pacifista, pois certo é que todos formamos parte dun mundo común. Se esta orientación é válida para as nacións con Estado, resulta imprescindíbel para as que non o posúen. O nacionalismo é, consecuentemente, a alternativa que, nestes casos, expresa esta aspiración.

O Xacobeo anulador

Non debe existir ningún caso de peregrinaxe, sexa de intención relixiosa ou turístico-cultural, que contribúa tanto a anular o país receptor como a celebración xacobea. Non temos dúbida, porén, de que, con outra orientación no poder político gobernante, sería unha oportunidade especial para proxectar cara a nós mesmos e aos de fóra unha realidade histórica, patrimonial, cultural e socio-política a mantenta agachada. Mais a oportunidade profiláctica devén narcótico, hipnotización e anulación do noso ser colectivo, Galiza. Unha pada máis, e non menor, que o enterrador oficial bota na cova fonda da nosa desmemoria e da nosa negación histórica. Cando dentro, na Galiza, o contributo da Xunta, da Igrexa católica e de todas as institucións é tan entusiasta para evaporizarnos, non cabe esperar fóra, onde orixinariamente se xestou o proceso anulador, máis que colaboración natural.

Da Real Academia Galega

O ingreso de Manuel Rivas na Real Academia Galega é unha boa nova. Galiza, nestes tempos que corren, está necesitada de escritores que non deserten dos compromisos básicos: a defensa de Galiza como pobo, como nación; o dereito á existencia da nosa lingua e a súa identificación como propia; o respeito por quen, de formas diversas pero ben intencionadas, traballa politicamente a prol destes compromisos. Por circunstancias históricas, a nosa cultura, nomeadamente a nosa literatura, ocupou un papel senlleiro como símbolo e síntoma da consciencia nacional. Desde a súa autonomía artística, foi parella ao impulso ideolóxico, social e organizativo que reivindicou a nosa diferencia, a nosa existencia específica. Este paralelismo non ten desaparecido totalmente tampouco nos últimos tempos, malia a pretensión infantil de quen aparenta vivir unha situación normal.