Artigos de Bieito Alonso Fdez.

Que nacionalismo merece este país?

As campañas políticas tiveron, tempo ha, un saudable efecto para as organizacións que participaban nelas. Fornecían un curso intensivo para o coñecemento da realidade social, achegaban os representantes (ou aspirantes a selo) aos seus hipotéticos representados e tecían unha sorte de fío emotivo, de empatía sentimental, entre a cidadanía e aquelo que se deu en chamar “clase política”. Así aprendeu o nacionalismo político a vertebrar o seu discurso ideolóxico, a verificar o grao de identificación da sociedade cos, aínda etéreos, presupostos programáticos que propalaba. Foron os tempos da transición, anos duros no esforzo, pero impagables como aprendizaxe acelerada nas artes da mediación social.