Artigos de Francisco Castro

Que abdique o rei...na república

Andan toliños de contentos os monárquicos (que os hai: a estas alturas da película xa non me vale o conto ese de que o que hai son juancarlistas; hai monárquicos carafio, aínda que so sexa por inacción) polo detallazo da raíña holandesa (case que me entran ganas de chamala A Raíña Tulipán, que queda como así que moi personaxe de novela de fantasía), que andan todos contentiños os monárquicos, dicía, porque abdicou a raíña esa e como que lles convida a fabular coa posibilidade de que o de aquí faga como a de aló e abdique en favor de seu fillo, cuxo único mérito coñecido é ser o fillo varón-as mulleres non contan, son declaradas constitucionalmente inútiles para a xefatura do estado-do actual rei, posto nese posto, con perdón por redundar pero os reis repítenme como a cebola nunha empanada mal feita, vitalicio ademais, posto aí, que me perdo en canto me poño a falar de empanadas, por un ditador fascista despois dun golpe de estado contra un goberno democrático e legal). Nesa idea de que o campechano cazador de elefantes abdique ten peso non tanto, creo, a cuestión da idade do papá canto as ganas de moita xente de ver a Felipe coroado de rei e a Letizia (con z de Galiza) de raíña. Que se van facendo maiores e sabido é o complicado que o van ter os pobres ao sair ao mercado laboral case que nos cincuenta tacos.