As veciñas de Cerceda recordan para as cámaras de GC a loita contra "os do gorro que viñan con pistolas". Unha videocrónica de Tingalaranga sobre a última romaría do Sindicato Labrego Galego.
Por Galicia Confidencial | Cerceda | 04/09/2011
"Foi moi triste, eu cada vez que o recordo, non podo falar. Había que se levantar moi cedo, aínda era noite, aí fomos andados con sachos e fouces... Moita xente de idade, que non podía andar, e máis subíase a ... para enfrentarse aos .... non podo falar ... para enfrontarse aos do gorro que viñan con pistolas e fusiles contra nós".
Quen así fala é Francisca de "Angueiro", unha das labregas que participou na romaría do Sindicato Labrego Galego o 31 de Agosto nas Encrobas. Baixo o lema "por un mundo rural vivo", a central nacionalista centrouse este ano en render homenaxe ás persoas que tentaron parar as expropiacións para a central térmica durante a Transición, unha industria que hoxe esmorece en Cerceda pois apenas traballa unhas semanas ao ano.
Libro sobre Lidia Senra
Ademais de lembrar o conflito, na romería presentouse o libro de Tareixa Ledo Regal "Lidia Senra Rodríguez, a historia dun liderado entrañable", unha análise do traballo da anterior líder do SLG, unha traxectoria na que a loita das Encrobas significou un salto definitivo na movilización nacionalista entre os labregos.
Senra dixo estar orgullosa de "poder compartir con outras mulleres que foron protagonistas dunha loita moi importante contra os impactos desta central [térmica] e no día a día por sobrevivir como mulleres e como labregas".
Pola súa banda Ledo Regal destaca o papel de Lidia Senra para que as labregas gañasen protagonismo no mundo rural e deixar de ser "as eternas esquencidas". A autora argumenta que as mulleres entenden mellor ideas como a soberanía alimentaría lonxe do concepto de "explotación" que domina hoxe o rural. "As mulleres van ter un papel fundamental para construír a alternativa social", conclúe.
No local social de Pontoxo tamén houbo tempo para a música. Actuaron, entre outras, as cantareiras das Encrobas acompañadas da súa profesora María X. Silvar e a cantante Ses, que acaba de estrenar disco.