Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/07/2019 | Actualizada ás 10:27
O servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante o fin de semana a 91 persoas implicadas en 65 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O día que rexistrou máis incidentes foi o sábado, con 26.
Segundo a información do 061, a central de coordinación recibiu durante estes días 77 chamadas en relación cos accidentes de tráfico, que xeraron 65 asistencias.
Por provincias, a máis afectada foi Pontevedra, onde tiveron lugar 32 accidentes de tráfico, seguida da Coruña, con 23, Lugo, con sete, e Ourense, onde se produciron tres. En canto ás vítimas, o 58% dos asistidos polo 061 eran homes, mentres que o 42% restante eran mulleres. O 31% dos atendidos tiña entre 45 e 59 anos.
En total, os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 90. Así, as ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado atenderon a cinco accidentes, o helicóptero medicalizado foi mobilizado nunha ocasión, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico activáronse para 76 sinistros e os equipos sanitarios de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061 prestaron asistencia sanitaria en sete accidentes. As ambulancias convencionais acudiron a un sinistro.
En 72 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en 18 ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa resultou falecida no punto.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.