Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 23/07/2019 | Actualizada ás 21:45
Catro aeroportos nunha liña norte-sur duns 300 quilómetros, entre A Coruña e Porto, dan cobertura aérea a unha poboación de 6,4 millóns de habitantes, os residentes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A guerra dos aeroportos aquí levou a unha competencia fratricida, non só entre Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña –marcada polo populismo localista dos que gobernan–, tamén co veciño aeroporto Francisco Sá Carneiro. A pelexa por atraer máis compañías, voos e pasaxeiros levou a cada quen a ampliar e/ou modernizar as súas instalacións e a abrir as súas pistas a toda unha variedade de compañías de baixo custo como estratexia comercial, sen artellar un plan conxunto acorde co marco económico e social da Eurorrexión. Nesa batalla por conquistar os ceos, Sá Carneiro vai gañando aos aeroportos galegos.
A terminal portuguesa absorbe xa o 70 % dos pasaxeiros que transitan polas terminais do noroeste peninsular, dando servizo en 2018 a case 12 millóns de viaxeiros, fronte aos 5,2 millóns que sumaron Lavacolla, Peinador e Alvedro xuntos (menos da metade que o luso). Segundos os datos do aeroporto portuense, aproximadamente o 12 % dos seus pasaxeiros son residentes en Galicia.
“A inxección de diñeiro media mensual calculada é de 3 a 4,1 millóns de euros para o norte de Portugal e entre 1,4 e 2 millóns de euros para Galicia”
Pero o que se podería interpretar como unha perda para Galicia ten outra lectura en clave de ganancias: Sá Carneiro xera unha media de entre 1,4 e 2 millóns de euros mensuais para Galicia polo impacto do turismo que aterra con compañías de baixo custo. Así o conclúe un estudo realizado por economistas da Universidade de Vigo, que analizaron o impacto do auxe da terminal portuense e dos seus voos low-cost na Eurorrexión.
Os principais achados do estudo son que “o número de pasaxeiros internacionais de aeroliñas de baixo custo ten unha influencia positiva no número de noites que pasan os hóspedes internacionais en hoteis e establecementos similares” e que “a inxección de diñeiro media mensual calculada na economía é de 3 a 4,1 millóns de euros para o norte de Portugal e entre 1,4 e 2 millóns de euros para Galicia”.
A importancia da chegada de aeroliñas de baixo custo non é nimia para a economía local. Sá Carneiro sustentou o seu progresivo crecemento nos últimos anos na atracción deste tipo de compañías, para ampliar a oferta e o tráfico de pasaxeiros; unha estratexia que tivo un efecto seductor en grandes compañías emblemáticas como Lufthansa, United Airlines, British Airways, KLM o Air France, atraídas pola capacidade de Porto para mover viaxeiros.
É por isto que os economistas da UVigo calcularon os efectos da cantidade de turistas internacionais de liñas de baixo custo que chegan ao aeroporto do Porto polo número de noites que pasan estes en hoteis e aloxamentos similares (excluíronse dos cálculos os turistas que se hospedan en aloxamentos privados gratuítos ou en segundas residencias –como os propietarios dunha segunda residencia–, e as visitas de parentes e amigos).
Os pasaxeiros de liñas de baixo custo que chegan a Porto pasan entre 2,2 e 3 noites no norte de Portugal e entre 6,2 e 8,3 en Galicia
As estatísticas oficiais indican que os pasaxeiros que chegan de liñas de baixo custo ao aeroporto de Porto e necesitan pernoitar máis dun día en hoteis e establecementos similares pasan entre 2,2 e 3 noites no norte de Portugal e entre 6,2 e 8,3 en Galicia. O gasto medio diario deste turista internacional é de 76,5 euros en Portugal e de 103 euros en Galicia.
En base a estes datos e o número de pasaxeiros que quedan en Portugal ou se trasladan a Galicia, “a media mensual das inxeccións de diñeiro no fluxo circular de ingresos ocasionado polos pasaxeiros internacionais transportados polas liñas de baixo custo ao aeroporto do Porto é de entre 3 e 4,1 millóns de euros para o norte de Portugal e entre 1,4 e 2 millóns para a rexión veciña de Galicia”, calculan os investigadores.
“O aumento da participación no mercado das liñas de baixo custo é un feito para moitos aeroportos e, en particular, para o de Porto”, onde “desempeñaron un papel clave no aumento do número de pasaxeiros”, explican os autores do estudo.
Calcúlase que estas compañías acaparan en Sá Carneiro aproximadamente dous terzos dos pasaxeiros internacionais, que representan máis da metade do tráfico de pasaxeiros deste aeroporto.
Os datos contradín as hipóteses que cuestionan o impacto positivo do auxe de liñas de baixo custo en rexións marcadas pola diáspora e o turismo saínte: “Malia a gran diáspora (o 23,4% dos residentes estranxeiros que utilizan o transporte aéreo son portugueses ou os seus descendentes), a proporción do tráfico de parentes e amigos no aeroporto do Porto (20%) e os turistas que chegan por aire que utilizan aloxamento privado gratuíto e unha segunda residencia, os resultados mostran un efecto estatisticamente significativo positivo do número de pasaxeiros de liñas de baixo custo nas noites que pasan os turistas internacionais en hoteis e establecementos similares” do norte de Portugal.
“As estimacións da demanda turística internacional para o norte de Portugal e Galicia mostran resultados similares para ambas as rexións”
Por outro lado, “os resultados tamén mostran un efecto positivo do número de pasaxeiros de liñas de baixo custo nas noites que pasan os turistas internacionais en hoteis e establecementos similares” de Galicia, especialmente en Vigo (a cidade galega máis próxima a Porto).
A análise tamén confirma que “as estimacións da demanda turística internacional para o norte de Portugal e Galicia mostran resultados similares para ambas as rexións”, con “aumentos no número de noites pasadas en períodos de expansión e unha caída na demanda turística como resposta a menores taxas de crecemento económico nos estados membros da UE, que son os principais mercados de orixe para ambas as rexións”, detállase.
Observouse, ademais, que “a demanda turística é moi sensible aos cambios de prezos en ambas as rexións”. Ou dito doutro xeito: “Ambas as rexións atraen turistas internacionais que reaccionan de maneira similar aos cambios nos ingresos e os prezos”.
AS CLAVES DE PORTO
Os autores do estudo sinalan varias claves para explicar o éxito do aeroporto Sá Carneiro. En primeiro lugar, apuntan aos subsidios públicos e a promoción de rutas, o que permitiu que Porto pasase de menos de 3 millóns de pasaxeiros en 2005 a máis de 9,4 millóns en 2016 e case 12 millóns en 2018 (só entre 2005 e 2016, o tráfico de pasaxeiros de liñas de baixo custo aumentou en máis de 6 millóns).
En segundo lugar, “estes incentivos públicos xeraron un debate social e académico sobre a súa eficiencia en termos de promover o crecemento económico e, máis especificamente, xerar ingresos por turismo”.
O aeroporto luso atrae un importante tráfico de pasaxeiros de Europa Central e do Norte
En terceiro lugar, o norte de Portugal e Galicia teñen unha considerable poboación na diáspora: calcúlase que aproximadamente son 1,7 millóns de portugueses e medio millónde galegos os que viven no estranxeiro. A maioría deles viven en Europa Central e do Norte (Bélxica, Francia, Holanda, Alemaña, Luxemburgo, Suíza e o Reino Unido), que son os principais mercados turísticos internacionais da Península Ibérica e do aeroporto do Porto.
En cuarto lugar, os economistas sinalan que aproximadamente o 20% do tráfico que moven as liñas de baixo custo en Porto é de familiares e amigos de residentes en Portugal e Galicia.
Por último, subliñan que os aloxamentos privados gratuítos e as segundas residencias representan o 50,3% dos aloxamentos utilizados polos turistas internacionais de entrada a Portuga e os cidadáns portugueses ou os seus descendentes que viven no estranxeiro representan o 23,4% dos residentes estranxeiros que visitan Portugal utilizando o transporte aéreo.
O estudo, titulado 'Low cost airlines and international tourism demand. The case of Porto's airport in the northwest of the Iberian Peninsula', vén de ser publicado por Marcos Álvarez Díaz, Manuel González Gómez e María Soledad Otero Giráldez na revista científica Journal of Air Transport Management.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.