Bugallo condena ante o Apóstolo a violencia machista e lembra que a "dor" de Angrois "segue estando presente"

O Arcebispo de Santiago pide ao Apóstolo que "interceda" polos gobernantes "para que saiban atopar, en diálogo sereno e respectuoso coa verdade, solucións aos problemas políticos, sociais e culturais".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/07/2019 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reclamou este xoves ao Apóstolo Santiago unha "sociedade igualitaria", á vez que lamentou a "secuela" da violencia machista. Ademais, tivo palabras para lembrar ás vítimas do accidente do Alvia na curva de Angrois, porque aínda que se cumpriron xa seis anos, "a dor segue estando presente".

Así se pronunciou o rexedor compostelán durante a tradicional Ofrenda ao Apóstolo Santiago celebrada cada 25 de xullo, Día do Apóstolo e tamén Día Nacional de Galicia. Na cerimonia, que este ano se trasladou á Igrexa de San Martiño Pinario debido ás obras no interior da Catedral, Bugallo exerceu como delegado do Rei por cuarta vez.

Durante a súa intervención, dixo que as institucións e gobernantes deben "erradicar de raíz" a violencia machista, que "acaba de golpear de novo", para despois pedir ao Apóstolo que guíe "cara a unha sociedade máis xusta e tolerante". Así mesmo, o alcalde puxo o foco na educación, nas persoas maiores, no desemprego e na loita contra o cambio climático.

Tras o delegado rexio, o arcebispo de Santiago, Julián Barrio, asegurou que "ninguén" pode esquecer a "sombra de dor" das vítimas do Alvia e pediu a Santiago que "interceda" polos gobernantes "para que saiban atopar, en diálogo sereno e respectuoso coa verdade, solucións aos problemas políticos, sociais e culturais".

Na Ofrenda ao Apóstolo, así como no desfile de tropas previo que tivo lugar na Praza do Obradoiro, estiveron tamén presentes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices; e o presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas; ademais doutros membros do Goberno galego e da corporación municipal.

Ofrenda ao Apóstolo
Ofrenda ao Apóstolo | Fonte: EP

A "FUNCIÓN ESENCIAL" DOS PROFESORES

Así mesmo, o alcalde puxo o foco na educación e na "función esencial" que desempeñan os profesores na vida, unha profesión "á que, desde logo, chégase por vocación, desempéñase con absoluta dedicación e ten unha influencia decisiva na conformación da personalidade".

En canto ao desemprego, recalcou que "acabar" con el "segue sendo un obxectivo prioritario" e apostou por "potenciar aqueles sectores que supoñan un elemento diferencial" e que "leven pola senda do progreso económico, como están a facer, por exemplo", os portugueses.

Bugallo tamén pediu "non esquecerse" das persoas maiores. "Debemos telos presentes á hora de decidir as políticas públicas que queremos implementar. O esforzo e o traballo ao longo de toda a súa vida deben ser tidos en conta e con eles debemos ser xustos, xenerosos e, sobre todo, agradecidos", enxalzou.

No campo ambiental, o rexedor compostelán pediu ao Apóstolo axuda para a "erradicación da pobreza" e a loita contra o cambio climático "e a perda da biodiversidade", no que apostou por "inculcar á mocidade a importancia de preservar o planeta, o único que temos".

Na páxina política, reclamou a Santiago "iluminar" aos representantes do pobo "para que prevaleza o interese xeral e o ben común sobre os intereses particulares e partidistas".

Ademais, Bugallo destacou ao Camiño de Santiago como o "símbolo máis universal" da capital galega e da Comunidade, posto que a través del e os seus múltiples trazados "recibe e recibirá miles de peregrinos" de "diferentes ideoloxías, razas, costumes" e "opinións".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 XanKaraLlás

Estamos nun estado non confesional ou confesional? En que carallo quedamos? Que fai o "socialista" Bugallo facendo a comedia da ofrenda ao apóstolo finxindo en que é católico, apostólico e romano? Como con Franco, mesturando política e relixión.

2 Vosvsta

É demencial que unha sociedade moderna aínda manteña istes actos adicados a seres imaxinarios cuns discursos sacados da prehistoria da razón. Caspa a toneladas... E ó "laico" p$°€, cómo vai o do concordato? Con el vaticano no, con el vaticano no...

1 Prisciliano?

Aínda é pior: nom só trata de falar cos mortos, como o apostolo Santiago, para que intercedam na política, senom que ainda por riba nim os restos que aí repousam som sequera os do citado discípulo de Jesús. Toda a tradiçom jacobea basea-se numha gigantesca farsa.

1 Gamela

¿Lembrar as vítimas do Alvia mentras negan unha investigación INDEPENDENTE ? Os cínicos volven presidir a vida política de Compostela! https://elpais.com/Comentario/15640...