Os menores de clases baixas están máis expostos ao fume do tabaco

Case o 12% dos menores de 15 anos están expostos permanentemente ao fume ambiental dos cigarros, principalmente nos fogares.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 26/07/2019 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Os menores da clases sociais máis baixas están máis expostos ao fume ambiental do tabaco. Así o afirman investigadores do Servizo de Medicina Preventiva do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela, Servizo de Epidemioloxía da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e do Departamento de Medicina Preventiva e Saúde Pública da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago.

Tabaco
Tabaco | Fonte: Pixabay

Os expertos analizaron a información de 5.495 menores de até 15 anos incluídos na Enquisa Nacional de Saúde de España. O que atoparon é que a prevalencia de exposición total ao fume ambiental do tabaco en menores de 15 anos foi do 11,8%.

Tamén identificaron que un nivel de estudos dos proxenitores inferior e medio se asocia cunha maior exposición ao fume do tabaco.

“Os resultados deste estudo mostran que a exposición ao fume ambiental do tabaco nos menores españois é máis frecuente entre os que presentan unha peor situación socioeconómica, destacando o efecto do menor nivel de estudos dos proxenitores e a pertenza a clases sociais máis baixas”, conclúen no estudo.

Pero tamén existen outros factores determinantes. Sobre o modelo familiar, observaron que unha composición do fogar diferente a “parella con fillos” e residir en vivendas máis pequenas tamén se relaciona cunha maior exposición.

Ademais, os fogares foron identificados como “o principal lugar onde os menores están expostos ao fume ambiental do tabaco”, ccunha porcentaxe do 11,5%, mentres que o 0,8% exponse en medios de transporte e lugares públicos pechados.

Os autores do estudo avisan de que malia que a exposición ao fume ambiental do tabaco dos menores “diminuíu globalmente” en España, “o risco persiste, en especial nos fogares, e relaciónase co contexto socioeconómico, a clase social, o nivel de estudos, a estrutura familiar e a vivenda”.

Ante estas “desigualdades” na exposición ao fume ambiental do tabaco, que consideran “evitables”, piden “orientar a implantación de medidas de saúde pública máis eficientes e xustas para protexer os menores”.

O estudo, titulado ‘Asociación entre determinantes socioeconómicos y exposición al humo ambiental del tabaco en niños’, está asinado por Iria Fernández Álvarez, Mónica Pérez Ríos e Agustín Montes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta