A extinción de entidades dependentes da Xunta non supuxo un aforro "significativo"

Así o determina o Consello de Contas nun informe que fixa a diminución do gasto en "menos do 1% dos fondos xestionados".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/07/2019 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

O Consello de Contas advirte de que a extinción de entidades dependentes da Xunta simplificou a arquitectura instrumental da administración autonómica, pero non logrou "aforros económicos significativos a consecuencia de que se optou por manter as funcións e os medios materiais e persoais das entidades que desaparecen".

O conselleiro maior do Consello  de Contas, José Antonio Redondo, entrega ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a memoria anual do Consello de Contas
O conselleiro maior do Consello de Contas, José Antonio Redondo, entrega ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices, a memoria anual do Consello de Contas | Fonte: Europa Press

Así o recolle o informe sobre os procesos de extinción de entidades dependentes de Galicia correspondente aos exercicios 2010-2016, un dos 17 que o conselleiro maior de Contas, José Antonio Redondo, entregou este venres ao presidente do Parlamento, Miguel Ángel Santalices.

En opinión de Contas, a Xunta si conseguiu agrupar "funcións e medios" e dotou "de maior transparencia a unha xestión que se realizaba a través dunha estrutura paralela opaca e atomizada". "Pero non" tivo como resultado "aforros económicos significativos" debido a ese mantemento das "funcións e os medios materiais e persoais das entidades que desaparecen".

O aforro económico "efectivo" declarado derivado das extincións de entidades foi de 17,03 millóns de euros, dos que 7,53 se corresponden con gastos de persoal. Isto representa menos do 1% dos fondos xestionados polas entidades dependentes, de acordo co informe de Contas.

"IMPORTANCIA ECONÓMICA MENOR"

O documento recolle que, no período 2010-2016, o sector público de Galicia pasou de 157 entidades a 112. "A pesar de que a redución neta formulada do total de entidades afecta a unha de cada tres entidades existentes, a importancia económica dun gran número das extinguidas é menor", indica.

Por iso é polo que "en termos económicos o aforro derivado das extincións limítase ás cantidades sinaladas". En calquera caso, precisa que esta conclusión (a do aforro relativo á extinción global de entidades) se atopa en trámite de alegacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta