A Deputación de Pontevedra pedirá reunións á Xunta para que lle transfira a cesión de varios edificios

Entre eles están o Centro Príncipe Felipe, a leira de Mouriscade, o laboratorio de Areeiro, a Escola de Enfermaría e a Escola de Canteiros

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/07/2019 | Actualizada ás 19:09

Comparte esta noticia

A Deputación de Pontevedra solicitará entrevistas cos departamentos do Goberno galego ás que pretende transferir a xestión do Centro Príncipe Felipe, a leira de Mouriscade, o laboratorio de Areeiro, a Escola de Enfermaría e a Escola de Canteiros.

Segundo indicou este venres a presidenta provincial, Carmela Silva, en comparecencia de prensa, trátase de competencias "exclusivísimas da Xunta" ás que a institución provincial está "a facer fronte".

No caso de que as entrevistas cheguen a celebrarse e "se as cousas foron ben", a propia Silva e o vicepresidente, César Mosquera, solicitarían unha reunión co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. "Non estou disposta a perder o tempo e quero ter a seguridade, cando pidamos esa reunión, de que esas cuestións xa están avanzadas cos conselleiros que teñan responsabilidades", explicou Silva tras a xunta de goberno na que se aprobou un investimento de 1,3 millóns de euros no Centro Príncipe Felipe para "pór a punto o recinto para setembro" de cara ao novo curso escolar.

Carmela Silva criticou a "situación incalificable" na que se atopaba o centro cando o goberno bipartito relevou o anterior executivo presidido por Rafael Louzán. A pesar de seguir demandando a transferencia de competencias á Xunta, a presidenta da Deputación de Pontevedra anunciou que este é "o inicio de moitas máis obras no próximos catro anos para que as nenas e os nenos estean nas condicións óptimas que merecen".

Así, destinaranse 85.000 euros para obras de impermeabilización das cubertas dos patios do Centro Materno-infantil e da Escola Infantil Chupetes, a substitución do pavimento da cociña e a reposición de elementos para mellorar os chans e as instalacións dos xogos nos parques infantís.

Tamén se renovarán as tubaxes de auga quente no edificio da Escola Fogar e outros 123.400 euros investiranse na instalación dun novo sistema de detección e alarma de incendios. Ademais, xa están en fase de licitación os investimentos nas fachadas do Centro de Educación Especial e do Centro de Acollida Agarimo, cun orzamento de 1 millón de euros, e a mellora da instalación eléctrica no conxunto do centro, por 155.352 euros.

PLENO

Por outra banda, o Pleno da Deputación de Pontevedra aprobou unha modificación de crédito de 349.000 euros, dos cales 150.000 euros corresponden á reclamación patrimonial dunha obra de 2009, durante o goberno de Rafael Louzán.

O deputado de Réxime Interior e Facenda, Carlos López Font, explicou que o actual executivo provincial tivo que "sufrir en bastantes ocasiones débedas herdadas" que "non son novidade".

A reclamación corresponde aos intereses de demora, costas e certificación final do campo de fútbol da Estrada. O portavoz do grupo provincial do PP, Jorge Cubela, xustificou a abstención desta formación argumentando que "non fan falta referencias ao pasado", por máis que os responsables do actual Goberno da Deputación tampouco foron "capaces de resolvelo" desde que están á fronte da institución.

Carmela Silva anuncia unha querela contra o PP por 'difamacións' sobre o ench. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS
Carmela Silva anuncia unha querela contra o PP por 'difamacións' sobre o ench. PAULA XUSTO-EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta