Contas reclama "un criterio prudente" para as concesioniarias de autovías con peaxe na sombra

A Xunta aprobou en Consello en 2017 un total de 99 modificacións de compromisos de gastos plurianuais, seis máis que en 2016.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/07/2019 | Actualizada ás 19:26

Comparte esta noticia

O Consello de Contas recomenda á Xunta "actualizar anualmente, en función dos resultados de tráfico de anos anteriores e da información dispoñible baixo un criterio prudente" os pagos que debe realizar ás concesionarias das autovías construídas polo sistema de peaxe na sombra.

Así mesmo, entende que "os compromisos deberían contabilizarse polo valor actual á data de peche do exercicio sen incluír a inflación futura, actualizando ao mesmo tempo ano tras ano o valor correspondente ao exercicio seguinte segundo as previsións de inflación dese ano".

Desta forma, "a Administración tería cubertos para cada exercicio os gastos polo uso das infraestruturas", segundo recolle no seu informe de fiscalización da conta xeral da comunidade autónoma correspondente ao exercicio de 2017.

Este é un dos case 20 informes que o conselleiro maior, José Antonio Redondo, entregou este venres ao presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices.

PEAXES

No devandito documento, Contas sinala que "dentro dos compromisos de gastos futuros do sector público autonómico destacan os relativos ás peaxes na sombra que no exercicio 2017 rexistrou a Axencia Galega de Infraestruturas (AGI) no estado de futuros do seu sistema contable".

"Estes compromisos de gastos corresponden aos pagos que a Administración deberá realizar ás concesionarias das autovíasconstruidas polo sistema de peaxe na sombra e pola supresión e redución das peaxes", explica.

Respecto diso, constata que no exercicio fiscalizado produciuse unha modificación, pois aínda que inicialmente o pago por compensación das peaxes suprimidas aos vehículos que usaban as rutas Vigo-O Morrazo e A Barcala-A Coruña da AP-9 repartíase a partes iguais coa Administración do Estado, a partir de xullo a Administración do Estado asumiu a totalidade do pago a Audasa.

Neste sentido, "recoñecendo a complexidade da aplicación no capítulo III dos gastos financeiros", incide en que "a Administración debería incluír na memoria información que permitise diferenciar de forma aproximada a parte que corresponde a investimento real e a que se corresponde coa carga financeira orixinada polo adiamento do pago".

COLABORACIÓN PÚBLICO-PRIVADA

Por outra banda, Contas recrimina que "o orzamento do exercicio fiscalizado non inclúe información sobre os compromisos de gastos futuros que se prevén contraer no exercicio a través de fórmulas de colaboración público-privada", tal e como establece a lei de disciplina orzamentaria e sustentabilidade financeira.

E engade que o Consello da Xunta aprobou en 2017 un total de 99 modificacións das porcentaxes e anualidades de compromisos de gastos plurianuais, seis máis que en 2016, "polo que continúa a tendencia incremental iniciada no exercicio anterior e o seu número continúa sendo maior que en períodos anteriores, como o de 2011 a 2013".

A este respecto, Contas lembra que en informes anteriores xa advertiu de que a adquisición de novos compromisos futuros a través de fórmulas de colaboración público-privada pola Xunta require "unha determinación moi precisa entre as necesidades que prioritariamente se deben atender con recursos públicos e cales son os proxectos ou infraestruturas para os que está xustificado diferir o gasto a orzamentos futuros".

Así as cousas, insiste en que "a utilización de fórmulas de pago aprazado para o financiamento de infraestruturas públicas xera incerteza en canto á sustentabilidade futura das finanzas e traslada a carga dos investimentos presentes ás xeracións futuras".

Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9
Cabinas de peaxe da autoestrada AP-9 | Fonte: PontevedraViva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta