Temas: EDUCACIóN XUNTA

A Xunta suprime 6 escolas unitarias e terá 42 unidades menos de educación primaria, infantil e especial

Educación xustifícase na "obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/07/2019 | Actualizada ás 17:53

Comparte esta noticia

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional suprimirá para o próximo curso 2019/2020 un total de 67 unidades educativas, á vez que creará un total de 25. Ademais, seis escolas unitarias deixarán de prestar servizo debido a que nelas se matricularon menos de seis alumnos.

Centro escolar
Centro escolar | Fonte: Europa Press

Trátase, segundo o Goberno galego, dun proceso "habitual", que se leva a cabo todos os anos antes do inicio de cada ano escolar, polo que se revisa a matrícula e os postos de traballo docentes dos centros públicos nos niveis de Educación Infantil, Educación primaria e Educación Especial.

Conforme aos datos definitivos de matriculados, na provincia da Coruña xa non prestarán servizo o EEI de Portocubelo (4 alumnos) e o do Viso (5), ambos no municipio de Carnota; o EEI O Seixo de Mugardos (5) e o CEIP de Polveira en Trazo (4).

En canto á provincia de Pontevedra, suprimiranse o EEI de Arcos de Furcos (3 matriculados), en Cuntis; e o EEI de Zamáns (5), en Vigo. Todas estas escolas suman 26 alumnos en total que, afirma a Consellería, "teñen asegurada unha praza escolar noutro centro educativo próximo".

UNIDADES EDUCATIVAS

Así mesmo, a Xunta prescindirá dun total de 67 unidades educativas --40 en Pontevedra, 20 na Coruña, 5 en Ourense e 2 en Lugo--, mentres que creará outras 25 --12 na Coruña, 8 en Lugo, 3 en Pontevedra e 2 en Ourense--. O saldo total será de 42 unidades menos

Paralelo a iso, habilitaranse outras 8 unidades que, aínda que non implica a creación doutras novas, prevense para un "suposto de desdobre de aulas cando existe un incremento puntual ou circunstancial do número de alumnos" pero que, con todo, "non hai perspectivas" de que esa situación se consolide para outros anos.

A Consellería xustifica estes axustes na "obriga de realizar unha xestión eficiente dos recursos educativos sostidos con fondos públicos, adecuándoos tanto ás necesidades educativas de cada zona como á realidade social".

FUTUROS CENTROS

Por outra banda, a Administración autonómica ten programada a construción de seis novos centros escolares --xa en obras ou en programación-- que entrarán en servizo os próximos anos.

Trátase do CEIP Novo Mesoiro (A Coruña), de Milladoiro (Ames), de Arteixo, de Vilalonga (Sanxenxo), de Pazos de Rei (Tui) e o novo Sagrado Corazón (Lugo). En total, supoñen case 23 millóns de euros de investimento público, aos que hai que engadir outras 14 obras de ampliación noutros tantos centros xa existentes.

Temas: EDUCACIóN XUNTA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta