Tres de cada 10 galegos sufriron incidentes de seguridade en internet en 2018

Un total de 986.493 persoas de 16 ou máis anos relacionáronse coas administracións públicas a través de internet ese ano.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/07/2019 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

Case tres de cada 10 galegos (o 28,22% das persoas de 16 e máis anos residentes en Galicia) sufriron incidentes de seguridade en internet en 2018, segundo a enquisa sobre novas tecnoloxías que publica este mércores o Instituto Galego de Estatística (IGE). En 2018, o 62,19% das persoas de 16 ou máis anos proporcionaron datos persoais por internet (nome, data de nacemento, número de documento de identidade) e o 50,8% proporcionou detalles de pago (número de cartón de crédito ou de conta bancaria).

Ademais, o 28,22% sufriron incidentes de seguridade en internet nos últimos 12 meses. Segundo idade, as porcentaxes máis altas están nos grupos de idade de 25 a 39 anos e de 16 a 24 anos. Pola súa banda, o 56,71% actualizan periodicamente algún dos seus produtos de seguridade informática (actualizar antivirus, descargar actualizacións do teléfono móbil...), mentres que o 23,15% non o fai ou non usa antivirus.

TELÉFONO

No ano 2018, o 81,54% dos galegos utilizan o teléfono móbil, cifra superior en 39 puntos á rexistrada no ano 2002, que se situou no 42,54%. Por grupos de idade, o 29,34% dos menores de entre 5 e 14 anos utilizan o teléfono móbil. Na franxa de idade comprendida entre os 15 e os 64 anos, a porcentaxe de persoas que o utilizan supera o 92%, mentres que no grupo de 65 e máis anos está no 59,55%.

COMPUTADOR

Mentres, o 32,8% dos galegos de 5 ou máis anos manifestou non usar o computador, o 58,28% fíxoo no último mes, o 2,13% hai máis dun mes pero menos de tres meses, o 1,9% hai máis de 3 meses e menos dun ano e o 4,88%, hai máis dun ano. A porcentaxe de persoas que utilizaron o computador no último mes aumentou un 1,85% con respecto ao ano 2013 e un 29,42% con respecto a 2002. As maiores porcentaxes de uso do computador danse nos grupos de idade de 5 a 19 anos e de 20 a 29 anos, onde o 82,43% e o 89,14% dos mozos utilizaron o computador no último mes.

INTERNET

O 76,95% dos fogares galegos contaba con conexión a Internet (817.272 fogares). Esta porcentaxe varía en función da área xeográfica. Así, na área de Santiago, que comprende as comarcas da Barcala, Sar e Santiago, a porcentaxe é do 85,45%, mentres que na área de Ourense sur esta porcentaxe sitúase no 54,32%.

Os motivos polos que os fogares galegos non teñen conexión a internet son fundamentalmente que non o necesitan, nun 61,13% dos fogares; non o queren, nun 54,21% dos casos; e teñen poucos coñecementos para usalo, nun 40,16% dos fogares. O uso de internet está máis estendido entre os mozos de 15 a 24 anos, xa que o utilizaron no últimos tres meses o 99,09%. O IGE destaca tamén que o uso da rede polos nenos de 5 a 14 anos sitúase no 74,32%.

O uso de internet vai diminuíndo segundo aumenta a idade da poboación. Deste xeito, a porcentaxe de poboación de 35 a 44 anos que utiliza internet baixa ata o 96,56% e para a franxa de idade comprendida entre os 55 e os 64 anos sitúase en 67,54%.

O 69,98% dos galegos e galegas de 5 ou máis anos manifestou conectarse a Internet nos tres últimos meses. Entre a poboación de 16 ou máis anos que se conectou a Internet nos tres últimos meses, o 38,96% realizou algunha compra nese tres últimos meses e o 10,69% hai máis de tres meses e menos dun ano.

As maiores porcentaxes, no tocante ás compras realizadas por Internet, rexístranse entre a poboación de 16 a 24 anos e a de 25 a 39 anos, nos que a porcentaxe que no tres últimos meses realizou algunha compra por este medio foi do 48,66% e do 54,05%, respectivamente.

Entre os bens e servizos comprados máis habitualmente a través de Internet figuran roupa e complementos, posto que o 52,32% das persoas de 16 ou máis anos que realizaron compras por internet adquiriron este produto. A continuación atópanse as viaxes ou billetes para medios de transporte co 33,47%, roupa de deporte e material deportivo co 31,68% e entradas para espectáculos co 29,77%

REDES SOCIAIS

O 90,19% das persoas en Galicia de 5 ou máis que anos que usaron internet nos últimos 3 meses participaron en redes sociais, 38,69 puntos máis que no ano 2013. O grupo de idade coa participación máis alta nas redes sociais é o de 25 a 39 anos cun 98,61% e o que ten unha participación máis baixa é o de 5 a 14 anos, cun 41,28%.

O tipo de redes sociais máis empregadas entre os residentes en Galicia son as de comunicación (WhatsApp, Telegram, Skype, Snapchat), cun 96,88%. Séguenlle as xeneralistas (Facebook, Twitter, Google+, Tuenti), cun 66,15% de participación e as de contido (Instagram, Pinterest, Flickr, Youtube, Vimeo, Spotify, Slideshare) cun 48,10%.

ADMINISTRACIÓN ELECTRÓNICA

En 2018, un total de 986.493 persoas de 16 ou máis anos relacionáronse coas administracións públicas a través de internet. Isto supón que o 51,21% do total da poboación que realizou xestións ante as administracións ou organismos públicos fíxoo a través da rede, porcentaxe que en 2013 era do 44,13%.

Os principais servizos polos que interactuaron coas administracións ou organismos públicos a través da rede foron: facer xestións sanitarias (pedir citas, solicitar cartón, cambios de médico) e facer a declaración da renda.

O 17,37% das persoas de 16 ou máis anos que usaron internet nos últimos 12 meses realizaron formación relacionada co uso de teléfonos móbiles, tablets, computadores, software ou aplicacións nos últimos 12 meses.

O 18,17% das persoas de 40 a 54 anos realizaron formación relacionada co uso de teléfonos móbiles, tablets, computadores, software ou aplicacións nos últimos 12 meses mentres que só o fixeron o 14,28% de persoas de 65 ou máis anos.

GRANDES CIDADES

Entre os sete grandes concellos de Galicia, o Concello da Coruña é o que ten unha porcentaxe máis alta de persoas que usan o teléfono móbil cun 89,13%. O que conta cunha maior porcentaxe de persoas de 5 ou máis anos que usaron computador no último mes é o Concello de Santiago de Compostela, cun 76,48%.

No outro extremo atópase o Concello de Ferrol cun 62,26%. O 89,84% dos fogares do Concello de Santiago de Compostela contan con conexión a internet e séguenlle o Concello de Pontevedra e o Concello da Coruña cun 86,72% e 85,74%, respectivamente.

No Concello de Santiago de Compostela, o 81,55% da poboación de 5 ou máis anos conectouse a internet no último mes. No tocante ás compras por internet, o 51,47% dos cidadáns do Concello de Santiago de Compostela de 16 ou máis anos que se conectaron a internet nos últimos 3 meses realizaron algunha compra por este medio.

Redes sociais, móbil e Internet. JCCM - Arquivo
Redes sociais, móbil e Internet. JCCM - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta