75 anos en imaxes do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento

O antigo Hospital de San Roque de Santiago, sede desta institución do CSIC, acolle unha mostra que logo percorrerá Galicia e chegará a Madrid.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 01/08/2019 | Actualizada ás 11:53

Comparte esta noticia

O Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS) acolle ata mediados de setembro a exposición que conmemora o seu 75º aniversario mediante un percorrido pola historia e significado da institución. A mostra, inaugurada o pasado 24 de xuño no Hostal dos Reis Católicos en Santiago, pode visitarse agora na sede do instituto,no antigo Hospital de San Roque, situado tamén en Compostela. No patio interior do edificio están colocados os paneis nos que se profunda tanto na traxectoria histórica do centro como na importancia da biblioteca e as coleccións que atesoura.

Sede do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento do CSIC, no antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela
Sede do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento do CSIC, no antigo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela | Fonte: CSIC.

A mostra poderá verse tamén noutros lugares de Galicia e en Madrid. De feito, o director do  IEGPS, Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, confirmou que a exposición estará na Casa de Galicia na capital madrileña, onde se realizará un acto inaugural o 4 de decembro e permanecerá aberta ata o día 30.

A mostra conmemorativa do 75 aniversario do Padre Sarmiento profunda na contribución do instituto, centro mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) e a Xunta de Galicia, no ámbito da humanística galega contemporánea.

Na súa primeira parte, unha ducia de paneis explican ao visitante a súa traxectoria histórica, lembrando os antecedentes e primeiros pasos, así como aos protagonistas do seu posterior devir. Tamén ocupa un lugar destacado a importante contribución científica e cultural da institución, particularmente a través das súas múltiples publicacións. Na súa última parte, composta por oito paneis, destácanse as diferentes coleccións histórico-artísticas e arqueolóxicas que o Instituto atesoura. “Entre elas figuran algúns obxectos singulares e un número non menor de obras asinadas por moi recoñecidos artistas galegos”, explica Pardo de Guevara e Valdés.

Como peche, hai varios paneis que destacan a importancia da biblioteca do Instituto, cuxo fondo supera hoxe os 50.000 volumes, ademais dalgunhas coleccións documentais de “notable importancia para a historia e a cultura de Galicia”. Entre estas últimas destácase a colección de debuxos arqueolóxicos do estudoso Xosé Antón G. González-Ledo, composta por máis dun milleiro de láminas, “boa parte das cales foi adquirida recentemente polo CSIC con cargo ao un por cento cultural”, agrega o director do centro.

HISTORIA

O 30 de novembro de 1943, tras a desaparición do Seminario de Estudios Gallegos, acordouse a creación do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento (IEGPS), adscrito ao Patronato de Humanidades Marcelino Menéndez Pelayo do CSIC

O IEGPS constituíuse formalmente o 15 de febreiro de 1944 e ao longo da súa traxectoria estivo dirixido por Francisco Javier Sánchez Cantón, José Fernando Filgueira Valverde e Francisco Javier Río Barja. Desde 1994, o seu director é Eduardo Pardo de Guevara y Valdés. Precisamente, a partir dese ano acometeuse unha profunda reorganización do IEGPS, orientada a normalizar a súa estrutura como centro de investigación. Este proceso culminou o 7 de marzo do ano 2000 coa redefinición do instituto como centro mixto do CSIC e a Xunta de Galicia.

Na actualidade o  IEGPS conta con dous grupos de investigación. Por unha banda, Historia social do poder desde a Idade Media, dirixido por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, e dedicado a acometer estudos sobre as estruturas do parentesco e as relacións de poder, a partir principalmente das reconstrucións xenealóxicas, a análise prosopográfica e o estudo e edición de fontes diplomáticas, epigráficas e heráldicas. Por outra banda, Culturas e sociedades no mundo ibérico desde a Idade Media, dirixido por Antón M. Pazos e centrado na historia das mulleres e o fenómeno das peregrinacións, desde o punto de vista histórico e cultural.

Así mesmo, a biblioteca do IEGPS está considerada unha das máis nutridas e valiosas de temática galega. A base inicial e fundamental dos seus fondos procede do desaparecido Seminario de Estudios Gallegos, que foran depositados na Universidade de Santiago. A eles sumáronse despois as sucesivas doazóns e depósitos dalgúns destacados estudosos, como Joaquín Arias Sanjurjo e José Varela de Limia, vizconde de San Alberto -especialmente rica en folletos e documentación-, Juan López Suárez, fillas de Salvador Cabeza de León, Fernando  Alsina González ou Paulino Pedret Casado e Felipe Cordero Carrete, que en 1956 adquiriron e doaron a biblioteca de Antonio Couceiro  Freijomil. Neste sentido, é de destacar a recuperación e ampliación do fondo antigo ao longo destes últimos 25 anos.

En canto ás publicacións do IEGPS, destaca a revista 'Cuadernos de Estudios Galegos', editada con regularidade desde 1944. En 2016 foi recoñecida co selo da calidade da  FECYT e está recollida nas bases de datos  SCOPUS, FRANCIS, IMB e PIO. A colección completa suma 130 números, con case un milleiro e medio de artigos e máis de trinta mil páxinas. Ao seu amparo edítanse dúas series complementarias: Anejos de Cuadernos de Estudios Gallegos (45 títulos) e Monografías de Cuadernos de Estudios Gallegos (16 títulos).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anxo Vila

Espero (non, non o espero...) que lembren tamén que esta institución foi criada logo da aniquilación física e espiritual do Seminario de Estudos Galegos (fusilamentos, expolio, purga, etc). Díaz Pardo choraba cando lembraba o día no que os fascistas arrasaron con todo. Lembrar tamén a liña ideolóxica da súa dirección (asinante en contra de sacar a Franco do "Valle"...) e que o galego e os investigadores galegos "rojillos" aínda hoxe amolan nesa casa...