Os concertos dos días grandes das Festas do Apóstolo conseguen "cheo absoluto" na Praza da Quintana

Entre 6.000 e 7.000 persoas gozaron do espectáculo dos lumes a noite do 24 de xullo no Obradoiro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/08/2019 | Actualizada ás 14:29

Comparte esta noticia

Máis de 50.000 persoas en total gozaron dos concertos da Praza da Quintana durante os días grandes das Festas do Apóstolo, nos que La Casa Azul, La M.O.D.A, Xoel López e Milladoiro conseguiron o "cheo absoluto".

Destes resultados informou este xoves en rolda de prensa o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, que tamén apuntou á cantidade de xente que se reuniu na Praza do Obradoiro, "entre 6.000 e 7.000 persoas", para contemplar os lumes da noite do 24 de xullo e o espectáculo de luces e son que se proxectou na fachada da Catedral.

No entanto, Muíños sinalou que estas cifras corresponden ás persoas que viron "in situ" os espectáculos e concertos, pero, segundo os seus datos, o fluxo de xente que entrou e saíu dos recintos ao longo dos eventos "foi moito maior".

DÍA 24 E "COLOFÓN" DE FESTA

Ademais, a concellaría destacou a afluencia de persoas que se concentraron no Campus Sur e na Alameda para ver os Lumes do Apóstolo, "máis de 10.000 persoas". Respecto da Praza da Quintana, o responsable de Festas indicou que o recinto ten unha capacidade de 4.500 persoas, pero no caso da actuación da M.O.D.A, o día 24, o concello calcula que uns 13.000 turistas e veciños transitaron a zona do concerto durante as dúas horas e media que durou o evento.

Por outra banda, Gonzalo Muíños destacou que as festas acabaron cos denominados lumes pequenos, que foron "o gran colofón" da semana grande do Apóstolo e deixan un "balance positivo" das festas na capital galega.

AGRADECEMENTO AO EX GOBERNO

Ao mesmo tempo, Muíños puxo en valor o acordo ao que o goberno municipal chegou cos responsables das atraccións instaladas no Parque da Alameda, a través dunha iniciativa proposta polo BNG local.

En concreto, o concelleiro fixo referencia aos tramos horarios durante os que a zona recreativa baixou o volume da música nas súas instalacións para que nenos e nenas con Asperger, síndrome de down, autismo, e en xeral colectivos con capacidades diferentes, puidesen gozar das atraccións.

Igualmente, Muíños subliñou o "gran traballo" que o departamento de festas e de produción desenvolveu. Sobre todo, agradeceu á antiga responsable de Festas, Branca Novoneyra, o programa "diverso e de calidade" que deixou pechado antes do cambio de goberno local.

Espectáculo de fogos artificiais levado a cabo no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela co que a capital de Galicia dá a benvida á festa de Santiago Apóstolo
Espectáculo de fogos artificiais levado a cabo no Pazo de Raxoi de Santiago de Compostela co que a capital de Galicia dá a benvida á festa de Santiago Apóstolo | Fonte: César Arxina - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta