Son as probas de oposición tan transparentes como di a Administración?

As oposicións son un recurso moi socorrido por persoas que queren ter un posto de traballo seguro e ben remunerado. Actualmente a lexislación vixente permite mesmo coñecer o sistema de corrección como de puntuación das probas. Aínda así, reclámase máis transparencia nos procesos e maior unanimidade entre os criterios dos tribunais que dirixen estes exames.

Por Moncho Mariño | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A convocatoria de oposicións para prazas en ensino o pasado mes de xuño, permitiu ver o panorama de acceso a prazas públicas en Galicia. As cifras estimadas falaban de case 20.000 persoas para algo máis de 2.000 prazas para docentes. O sistema público de ensino necesitaba renovar ou consolidar prazas, mais a oferta dun posto de traballo case “vitalicio” e cun salario asegurado, son dous ingredientes abondo atractivos para entrar nas probas de oposición, concurso-oposición ou concurso.

Modelo de corrección para exames de oposición
Modelo de corrección para exames de oposición | Fonte: xunta.es

A crise económica empurra á xente á procura de seguridade laboral diante dun futuro incerto. Con todo, hai quen apunta que os procedementos tanto en convocatorias, exames e correccións están cubertos por un veo de escurantismo. Isto podería influír na entrada e acceso das persoas ou ás prazas directamente ou ás listas de substitución.

OPOSITAR

“Presenteime a administrativo, realmente para encher listas” di Ramón, licenciado e recentemente desempregado. “Apunteime a unhas listas en Internet, ás veces páganse unhas taxas, para prepararme ía unha vez por semana a unha academia”. Hai persoas que tentan compaxinalas co seu traballo, “eu fíxeno con traballos a media xornada, mais tanto ten porque logo é todo costa arriba” apunta Ramón “e tamén hai historia admirables de persoas con traballos de oito horas, quitando horas ao ocio e tempo libre e sacan a praza, mais está tamén quen non o conseguiu logo de anos esforzándose”

Eu téñome presentado a oposicións de diferentes administracións, autonómica, estatal, municipal e de deputacións, e cada proceso é distinto un do outro” conta Marta. “O primeiro ao que fun era para administrativo na Xunta, un C1 que consistía nun test, para o C2 había un test, un tema e unha cuestión práctica”.

Estudantes en exames de oposicións. XUNTA - Arquivo
Estudantes en exames de oposicións. XUNTA - Arquivo

As convocatorias ofrecen probas moi diferentes dependendo de quen convoque. “Existen prazos para presentarse, claro, a máis rigorosa cos prazos é a Consellería de Educación” sinala Alberto López da Academia Nós. “Desde Educación lánzase unha oferta que aparece no DOG, logo a convocatoria para as probas publícase no DOG, despois fanse as probas”. Educación lanza a oferta normalmente en febreiro, aínda que xa se pode ter noticias en novembro ou decembro, a convocatoria sería para marzo ou abril. Os exames serían en xuño para Educación “porque habería moitos interinos que non poderían ir ás probas de non acabar o curso”.

O EXAME

O exame consta dun acto de presentación e alí deben estar todas as persoas inscritas, quen non se presenta non pode asistir á proba. A primeira parte do exame divídese en dúas metades “resolución de casos prácticos e un tema, desenvolvelo” di Alberto López. O valor de cada unha é do 60% para o caso práctico e o 40% do valor para os temas. Despois a persoa opositora debe ler o seu exame diante do tribunal. A segunda parte sería a defensa dunha programación didáctica e tamén expoñer unha unidade didáctica, un tema que desenvolverá durante o curso. As dúas partes finalizan cunha avaliación da que logo saen unhas cualificacións. “Quen supere as dúas partes, ten a oposición aprobada, mais en Educación hai que ter en conta os méritos, como experiencia laboral, formación, idiomas etc.”

Obviamente hai que cinguirse aos temarios preparados, mais os temas son elixidos por sorteo. “Hai un bombo onde se introducen unhas bolas, para sacalas chaman a algunha das persoas que se examinan e o número que sae é o tema que toca para a proba” di Marta. Con todo, segundo o tipo de proba e administración ou institución, as probas poden variar. “Logo hai exames tipo test que se se superan pasas a casos prácticos onde podes levar a lexislación pertinente”.

Hai moito escurantismo detrás destas probas” sinala Luis, opositor a educación secundaria. “Se unha persoa que estudou historia quere examinarse ten que facelo estudando tres temarios, Historia, Historia da Arte e Xeografía, o mesmo con Física e Química”. Luis ademais considera que “todo o proceso é opaco, porque non podes ver o exame e avaliar os teus fallos”. Logo apunta que a corrección “se realiza mediante un modelos onde están as respostas correctas para ir descartando o que está mal”.

“Desde hai anos estase favorecendo que entren máis interinos e ademais, tamén hai unha tendencia a que só pasen a primeira fase un número determinado de aprobados Cubriríase o número de prazas e logo deixarían con boas notas nos primeiros postos das listas de espera á metade máis un” di Luis. “Ademais, os tribunais axustan as notas e deciden quen pasa, sen dereito a ver o teu exame”.

TRIBUNAIS

“En ensino, os tribunais opositores están formados por cinco persoas, unha delas preside o tribunal e é elixida pola Consellería e as catro restantes van por sorteo” di Antonio Sánchez da academia Premir. “Os membros dos tribunais son normalmente inspectores de ensino, directores de centros educativos ou ás veces profesores universitarios”. Os criterios de selección para os membros de tribunais están recollidos no Real decreto 276/2007, do 23 de febreiro, concretamente no Capítulo II. Mais quen selecciona aos membros? “Descoñezo cales son os órganos que os escolle, entendo que a dirección xeral competente, no caso de Educación, a dirección xeral de Recursos Humanos” di Sánchez.

Desde a Consellería de Educación confirman este punto: “A presidencia desígnaa a Administración e os catro vogais por sorteo público entre persoas da especialidade. O Real decreto 276/2007 establece que a maioría dos membros do tribunal teñen que ser da especialidade”. As persoas da especialidade quere dicir persoal laboralmente relacionado co ámbito da oposición convocada, por tanto existe un sorteo para a elección dos vogais, catro, dun tribunal.

Por outra banda, a independencia dos tribunais para a avaliación das probas e por tanto, para a asignación de cualificacións, é un tema que non ten moita explicación para as persoas que opositan. “Hai uns criterios que son comúns a todos, publicados na convocatoria, mais outros son independentes, isto é unha antiga demanda, que haxa maior unanimidade de criterios entre os tribunais de oposición” apunta Antonio Sánchez. Isto non quita que haxa especialidades onde os criterios para os tribunais sexan máis comúns. Con todo, a propia redacción do exame é feita polo mesmo tribunal.

A Consellería de Educación apunta tamén sobre a formación dos tribunais que “non existen incentivos específicos para ser membros dos tribunais. Teñen dereito ás dietas correspondentes, - por aloxamento, mantenza e quilometraxe-, e asistencias, que consisten nunha retribución diaria polo seu traballo. Nos concursos de traslados teñen una pequena puntuación por formar parte dos tribunais” .

CONCLUSIÓNS

Apuntouse que exiten temarios extensos sobre determnadas áreas, xeografía e historia ou física e química. “As áreas están así divididas desde hai tempo, tamén pode basearse sobre a idea que unha persoa con formación en física ten os coñecementos necesarios para impartir química en E.S.O. ou bacharelato” apunta Sánchez. Unha proba nas áreas mencionadas suporia por exemplo, para un químico ter a maiores estudar o temario de física e o mesmo acontecería en oposicións a Historia e Xeografía.

En 2007 aparecera o Real decreto que actualmente rexe para os procedementos de acceso á función pública. Este decreto nacera durante o goberno presidido polo socialista Rodríguez Zapatero, e viña substituír outro Real decreto de 2004. O motivo foi crear un sistema que axudase á incorporación de persoal interino, debido ao alto número de interinidades en todo o Estado.

Desde a Consellería de Educación, sinalan que  Real Decreto de 2004 quedou derrogado polo de 2007. Isto reflícteo cunha disposición derrogatoria única: "Derrogación normativa. Quedan derrogadas todas as disposicions de igual ou inferior rango que se opoñan ao establecido nesta norma e en particular o Real Decreto 334/2004, de 27 de febreiro, polo que aproban o Regulamento de ingreso, accesos e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes que imparnte ensinos escolares do sistema educativo e para o Corpo de Inspectores de Educación".

Os tribunais teñen ao seu dispor uns modelos de corrección, “plantillas”, que aparecen na convocatoria. Foron engadidas por demanda dos propios opositores e opositoras para saber que se puntúa. Para a convocatoria deste ano, apareceron os modelos de corrección ademais das puntuacións para cada un dos epígrafes. Sobre a opacidade que apuntan persoas presentadas ás probas de acceso para función pública, existe entre o colectivo de preparadores e preparadoras a idea de que os tribunais poden non cinguirse fielmente aos criterios de oposición, poden ter máis ou menos en conta o modelo de corrección.

En tal caso, a solución a isto último é a reclamación por parte das persoas que se presentaron ao exame esixindo coñecer as cualificacións e os motivos das mesmas. As reclamacións preséntanse no organismo convocante a nome do presidente do tribunal. Mais insístese tanto desde o sector de formación como da administración, que o proceso para selección de tribunais e a súa formación, é dos máis transparentes. O que si se discute é a disparidade entre exames elaborados polos tribunais e que estes últimos sexan case completamente independentes uns dos outros. Reclaman pois, maior unanimidade de criterio.

Oposicións en Galicia. XUNTA - Arquivo
Oposicións en Galicia. XUNTA - Arquivo
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gustavo

Non se discute tanto o resultado final (que quen queda mellor sexa quen mellor o fixo), como o sistema: cada tribunal ten un número case fixo para aprobar. Así, en cada tribunal poden aprobar 12 ou 15, dá igual que se presenten 100 ou 300. Se aprobasen máis non lles daría tempo a avalialos na segunda fase. Polo tanto, as calificacións están condicionadas, e as notas tan baixas causan verdadeira frustración en moita xente, ao marxe de que se acepte a "clasificación" dos mellores. Outra cousa xa é o sistema de avaliación, donde priman contidos e puntos moi concretos por riba da expresión escrita (ao final só conta a oral), e os coñecementos teóricos por riba de virtudes académicas (empatía, capacidade de comunicación co alumnado, intanxibles moi importantes que realmente non contan). Eche o que hai.

1 Hector

Habería que eliminar o carácter vitalicio da maior parte dos empregados públicos. É a principal causa de que moitos deles se escaqueen e un agravio para os que traballan

1 anonimo9704

Amigo, en ese caso nadie se pondría a hacer oposiciones ...