Gonzalo Caballero acusa de "alarmismo" á Xunta por "poñer en dúbida" o pago a funcionarios

Feijóo manifestara que os salarios dos traballadores poderían verse afectados polo atraso na transferencia de 700 millóns reclamados ao Goberno central.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2019 | Actualizada ás 18:54

Comparte esta noticia

O secretario xeral do Partido Socialista de Galicia (PSdeG), Gonzalo Caballero, cualificou de "irresponsabilidade" e "alarmismo" que o Goberno da Xunta, presidido por Alberto Núñez Feijóo, "poña en dúbida" a viabilidade do pago das nóminas dos funcionarios, debido a que o Goberno central non transferiu a partida de 700 millóns de euros que lle reclama a Administración autonómica.

Este sábado, o portavoz socialista acusou a Feijóo, nun acto en Cedeira (A Coruña), de facer un "uso partidista" das institucións autonómicas e de "xogar cos salarios dos funcionarios" para pór o Executivo galego "ao servizo" de Pablo Casado e da "estratexia electoral do PP", segundo informou o PSdeG nun comunicado.

A xuízo de Caballero, as últimas declaracións do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, respecto da repercusión da débeda de 700 millóns sobre o pago de nóminas, alcanzan uns niveis de alarmismo "inaceptables".

En concreto, Martínez argumentou que a "magnitude da débeda" estaba "a empezar a condicionar moito" a actividade das Comunidades autónomas, que se dedican a "pagar aos traballadores públicos" e aos "provedores" e que, ademais, este "condicionamento" podería traducirse nunha "afectación moi grave" á hora de abonar as nóminas dos funcionarios a finais deste ano.

Ao fío destas previsións, o líder do PSdeG criticou que Feijóo queira "recuperar posicións" tras "perder peso político" no seu partido e decida pór á Xunta a disposición dun PP situado nunha "fuxida desesperada" para "tentar remontar o escenario electoral".

XESTIÓN DE RECURSOS

Así mesmo, Gonzalo Caballero fixo fincapé en que foi o actual presidente de Galicia quen "disparou a débeda pública ata máximos históricos" que alcanzaron os 12.000 millóns de euros en "apenas 10 anos".

Tamén lembrou que os orzamentos que manexa a Administración autonómica este ano son de 9.800 millóns de euros, unha cifra superior á de anos anteriores, cando si que houbo "recursos para o pago a provedores e aos empregados públicos". Por este motivo reclamou a necesidade dun "Goberno da Xunta capaz de xestionar os recursos propios con dignidade".

O portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, en Cedeira. PSDEG
O portavoz do PSdeG, Gonzalo Caballero, en Cedeira. PSDEG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta