Ferido grave o condutor dun turismo que se saíu da vía en Oza-Cesuras

Un helicóptero medicalizado tivo que desprazarse ata o lugar do suceso.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/08/2019 | Actualizada ás 19:56

Comparte esta noticia

Un home resultou ferido grave tras saírse da vía co turismo que circulaba pola DP-2602, á altura do lugar da Lamela, no municipio coruñés de Oza-Cesuras durante a tarde deste sábado.

O accidente produciuse ás 18,18 horas, segundo confirmaron fontes da Garda Civil a Europa Press. Pola súa banda, o 112 Galicia informou de que debido á gravidade das feridas do home, o 061-Urxencias Sanitarias mobilizou un helicóptero medicalizado ata o lugar do sinistro.

O aviso por accidente foi dado por unha persoa particular que contactou co 112 Galicia para alertar do sucedido e, nada máis ter constancia, os xestores do CIAE 112 Galicia puxeron a situación en coñecemento do 061-Urxencias Sanitarias, da Garda Civil de Tráfico, do GES de Curtis (A Coruña) e dos Bombeiros de Betanzos (A Coruña).

Ao lugar dos feitos trasladáronse patrullas de atestados da Garda Civil de Tráfico, mentres que o condutor do turismo accidentado foi trasladado ao centro hospitalario de referencia na aeronave.

Por outra banda, as fontes da Garda Civil explicaron que aínda non se coñecen as causas da saída da vía e que Atestados analizará o sucedido para determinalas.

Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo
Ambulancia do 061. 061-GALICIA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta