Galicia rexistra un xullo "cálido" e "lixeiramente seco", con "grandes contrastes entre o litoral e o interior"

Na comarca de Baixo Miño e no Miño ourensán alcanzáronse as temperaturas medias "máis altas", con ata dous graos por encima dos valores do período climático de referencia, mentres que en zonas como A Costa da Morte "os termómetros mesmo quedaron por baixo do habitual", sinala Medio Ambiente.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/08/2019 | Actualizada ás 16:50

Comparte esta noticia

A primeira parte do verán estivo marcada en Galicia por unha "gran variabilidade" desde o punto de vista meteorolóxico, na que o mes de xullo foi "cálido" e "lixeiramente seco", con "grandes contrastes entre o litoral e o interior".

Así consta no resumo climatolóxico elaborado por Meteogalicia, no que se comparan os rexistros de temperatura e choiva do mes pasado con valores medios das estacións representativas durante o período climático de referencia 1981-2010, informou nun comunicado a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

"A principal explicación hai que buscala en que as zonas de aire frío no Atlántico continuaron baixando máis ao sur do habitual durante o mes de xullo", sinalou Medio Ambiente, que engade que esta situación "impediu que Galicia e o norte da península en xeral quedasen baixo a influencia das altas presións, así como os longos períodos de estabilidade propios desta época do ano".

Esta variabilidade meteorolóxica, concretou, "non se reflectiu nos valores medios das temperaturas, que foron cálidos, nin tampouco na choiva acumulada, lixeiramente por baixo do habitual". Por todo iso, o informe meteorolóxico conclúe que xullo "resultou en xeral un mes cálido, pero con grandes contrastes entre o litoral e o interior da comunidade".

TEMPERATURAS

Deste xeito, na comarca de Baixo Miño e no Miño ourensán alcanzáronse as temperaturas medias "máis altas", con ata dous graos por encima dos valores do período climático de referencia, mentres que en zonas como A Costa da Morte "os termómetros mesmo quedaron por baixo do habitual", incidiu Medio Ambiente.

No conxunto da Comunidade galega, a "anomalía media das temperaturas situáronse 0,69 graos por encima das medias do período 1981-2010".

En canto ás máximas, o valor medio para o conxunto de Galicia situouse en 25 graos, chegando na zona do Miño ourensán, na comarca de Verín e na Ribeira Sacra a superar os 30 graos.

No outro extremo os termómetros apenas alcanzaron os 18 graos de media na Mariña luguesa ou en zonas altas da provincia de Ourense, unhas diferenzas que reflicten o "notable contraste que se viviu neste período nos diferentes puntos da comunidade", destaca Medio Ambiente.

En canto ás precipitacións, o informe sinala que xullo "pode considerarse un mes lixeiramente seco no conxunto de Galicia, cun déficit do 26% con respecto do normal, repetíndose nunha situación xa bastante habitual nos últimos anos". O precedente máis seco, concretou Medio Ambiente, foi o mes de xullo de 2017, aínda que "lonxe da carencia de precipitacións que se viviron no mesmo período de 2015 e, sobre todo, de 2016".

No entanto, o informe lembra os "episodios de choivas intensas que se viviron na comunidade", nas xornadas do 4, 8 e 13 de xullo. Estes casos localizáronse, sobre todo, nas provincias de Lugo e Ourense e na comarca pontevedresa do Deza, onde se chegaron a recoller case 70 litros por metro cadrado.

Praia de Montalvo, en Sanxenxo (Pontevedra).. EUROPA PRESS - Arquivo
Praia de Montalvo, en Sanxenxo (Pontevedra).. EUROPA PRESS - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta