Carmela Silva afirma que os datos da Xunta sobre turismo "non cadran" coa "realidade"

A presidenta da Deputación de Pontevedra asegura ademais que o Executivo galego copia a maioría das campañas que leva adiante a administración provincial pontevedresa.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2019 | Actualizada ás 16:41

Comparte esta noticia

A presidenta da Deputación provincial de Pontevedra, Carmela Silva, puxo en dúbida este venres os datos sobre turismo que difundiu o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez porque "son datos que non se corresponden con ningunha realidade". "Non me cadran", destacou.

Carmela Silva afirmou "contundentemente" que a provincia de Pontevedra "está a ter uns resultados espectaculares" e para comprobalo "non hai máis que ir á rúa". Ademais, lembrou que "o din os hostaleiros de Vigo e Pontevedra" e tamén as estatísticas que facilita a Deputación de Pontevedra e que obtén unha empresa privada contratada para ese efecto "e que pregunta ao 100% da hostalaría da provincia e non a dez ou a doce".

Nesta liña, Carmela Silva destacou que o 34 por cento dos turistas que visitan a Comunidade de Galicia acoden á provincia de Pontevedra. Para a mandataria socialista a rolda de prensa "repetitiva" do conselleiro de Turismo denota que "están moi preocupados do protagonismo, a presenza, a promoción e a capacidade de ter proxectos de futuro que ten a Deputación de Pontevedra".

"CÓPIANNOS"

"Como nos copian todo, eu estou encantada
", afirmou e citou como exemplos desa copia ás campañas contra as agresións sexuais, as políticas ecoloxistas e de sustentabilidade, a idea do Rías Baixas Fest, ou tamén os modelos das campañas de promoción.

Tamén Carmela Silva sinalou que despois de que "chegase unha muller feminista a presidir a Deputación de Pontevedra" a Xunta de Galicia fixo "enormes esforzos" por falar de igualdade e de loita contra as violencias machistas, con iniciativas "financiadas polo Goberno do que é vicepresidenta Carmen Calvo", puntualizou.

"Eu espero que non quixesen dar noticias negativas sobre a provincia de Pontevedra, que é o motor económico de Galicia", declarou a presidenta da Deputación. Finalmente Carmela Silva recomendou ao departamento de Turismo da Xunta que habilite unha liña de axudas destinadas ao fomento, renovación e modernización de hoteis e outros recursos turísticos, así como nas novas tecnoloxías.

A presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
A presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, en rolda de prensa.. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Gamela

Que datos ten Carmela Silva? Como se obteñen os datos no Concello de Vigo? Por que o enlace da Transparencia é perigoso segundo Twitter? Se hai algún experto en informática na sala pode botar unha man... Obrigado! https://twitter.com/GamelaNova/stat...

1 Gamela

Se non botara a lingua a pacer... unha empresa privada contratada para ese efecto é o que mellor saber facer a parella Abel & Carmela : así teñen as "escobas de platino" e os "indicadores de transparencia" ... PAGANDO! En Vigo levamos 12 anos fartos de PAGAR para que esta tropa monte os seus espectáculos electoralistas! Todo son Eventos e Feminismo de Salón :: https://twitter.com/GamelaNova/stat... A ver cando GC lle dedica un espazo as falcatruadas do Concello de Vigo :: https://twitter.com/GamelaNova/stat... Estamos fartos de aturar mentiras, medias verdades e chulerías varias !!!

1 Gamela

Primeiro foi o Faro de Vigo, logo a televisión local @TeleVigo e agora El País dedicándolle a portada da súa Revista... esto xa é demasiado !!! https://elpais.com/Comentario/15655...