Detido un home na Coruña por roubar dentro de tres vehículos aparcados nun garaxe

No transcurso da investigación descubriron que o autor accedera a noite dos feitos ao interior do garaxe polo portalón de entrada de vehículos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/08/2019 | Actualizada ás 17:25

Comparte esta noticia

Axentes da Policía Nacional detiveron na Coruña a un home por roubar no interior de tres vehículos estacionados nun garaxe na zona de Agra do Orzán. Segundo informou a Policía Nacional, na madrugada do día 31 de agosto do ano pasado unha persoa accedeu ao interior dun garaxe comunitario situado na zona do Agra do Orzán. Esa mesma mañá, cando varios dos usuarios foron  recoller o seu vehículo, viron os portelos fracturados e o interior revolto.

En concreto, indicaron as mesmas fontes policiais, había tres vehículos violentados e os condutores botaron en falta, entre outros efectos, un teléfono móbil, lentes de sol e algunhas moedas. Os prexudicados formularon denuncia en dependencias policiais para informar do ocorrido. Tras iso, axentes da Policía Xudicial encargados da investigación dos feitos e efectivos adscritos a Policía Científica realizaron as comprobacións propias das súas funcións.

No transcurso da investigación descubriron que o autor accedera a noite dos feitos ao interior do garaxe polo portalón de entrada de vehículos, co seu rostro cuberto cunha especie de pasamontañas. Estivera varios minutos dentro do lugar e, posteriormente, marchou andando pola porta de entrada do portal do inmoble.

Varios meses despois, e tras numerosas pescudas, os investigadores lograron ter a identidade do presunto responsable dos roubos. Foi identificado como un home de 48 anos de idade, con múltiples detencións anteriores, a maior parte, por delitos contra o patrimonio.

O pasado día 6 de agosto procederon á súa detención e foi trasladado a dependencias policiais como presunto autor de delitos de roubo con forza en interior de vehículo. Unha vez finalizadas as dilixencias, o arrestado foi posto a disposición da autoridade xudicial.

A Policía Local acode a un accidente
A Policía Local acode a un accidente | Fonte: PL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta