A morte silenciosa e indeferente dos maiores que viven sós: Nove mortes en quince días

O último foi un home de 79 anos que apareceu morto na súa casa de Verín este sábado. En varios casos, os maiores levaban meses falecidos e foron descubertos polo cheiro dos seus corpos en descomposición.

Por Galicia Confidencial | Verín | 12/08/2019 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Amílcar Pires Pinto, 79 anos. Foi a última persoa que apareceu morta na súa vivenda. Vivía só nunha aldea de Verín, en Tamaguelos, nunha casa que está no centro da praza do pobo. E, a pesar diso, nin os seus veciños, nin os seus familiares o botaron en falta. Estivo morto durante unha semana ata que o forte cheiro do seu corpo en descomposición chamou a atención da xente.

Man de ancián
Man de ancián | Fonte: remitida

O sábado á noitiña chamaron á Policía e estes aos bombeiros que accederon por unha fiestra do inmoble. A imaxe que atoparon foi indescriptible. O corpo de Amílcar estaba bloqueando a porta da entrada da súa casa, completamente en descomposición. Caera das escaleiras e foi a bater coa cabeza directamente contra a porta. Os propios veciños dixeron que escoitaran un forte golpe na porta, pero non lle deron importancia, ata que o fedor que desprendía a casa era xa insoportable.

A historia de Amílcar é unha metáfora do que está acontencendo no noso país. Unha Galicia que sempre coidou aos seus maiores pero que ve, agora, ano tras ano, como aumentan o número deles que morren completamente sós e no esquecemento. Porque, que pasa en Galicia para que morran nove maiores sós en quince días?. Un fenómeno que xa non é urbano, senón que afecta tamén ás zonas rurais do país, onde, supostamente, a xente mantén máis contacto.

UNHA LONGA LISTA

O nome de Amílcar é o noveno dunha lista á que se suman Marcial, María ou Teresa e outros cinco que faleceron nas últimas dúas semanas. Un día antes de atopar o corpo deste veciño de Verín, atopaban o doutra muller de 89 anos que morrera na súa casa do barrio ferrolán de Caranza. O seu xenro deu a voz de alarma ao non saber dela en varios días.

A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova
A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova | Fonte: Matteo Bertolino

Tamén o pasado venres era localizado nun piso de Carballo o corpo de Marcial Reyes Díaz, que puido morrerpor causas naturais na noite do martes ao mércores da pasada semana, aínda que ninguén se decatou até tres días despois.  

Pero foi na segunda quincena de xullo onde se dispararon todas as alarmas. Ata seis persoas apareceron mortas nas súas vivendas.  En Ourense, un home de 74 anos foi atopado tras levar varios meses morto. Tamén varios meses levaba morto un veciño de Viveiro de 69 anos que vivía só e outro en Ferrol na mesma situación. Os tres foron descubertos en moi avanzado estado de descomposición e polo forte cheiro que desprendían as vivendas.

Tamén de Ferrol era outra muller octoxenaria atopada morta tras días sen saber dela, en Aguiño era un home de 66 anos o que atoparon falecido tras non saber del durante varias xornadas e en Fene, outro varón de 69 anos ao que botaron en falta tras varios días.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta