Tres olladas aos pisos turísticos... Así os ven propietarios, estudantes e hoteleiros

A realidade e a problemática dos pisos turísticos pode verse dende ópticas diferentes. Nesta reportaxe, Ana Eiras fala dende a súa posición de propietaria dun deles, Ana Fidalgo explica o que supón esta nova modalidade para a oferta aloxativa dos estudantes, e Ramón García comenta a compatibilidade destas vivendas coa oferta hoteleira.

Por Uxía Iglesias | Santiago de Compostela | 19/08/2019 | Actualizada ás 21:45

Comparte esta noticia

A problemática dos pisos turísticos pode observarse dende moi diversas perspectivas. E dependendo do lugar no que te sitúes para comprender a realidade, atoparaste cunha interpretación ben diferente dela. Velaquí unha mostra dalgunhas posicións que se xeran en torno á proliferación destas vivendas de uso turístico: falamos con Ana Eiras, unha propietaria dun piso que aluga a visitantes de Compostela; con Ana Fidalgo, membro da Asemblea Nacional de Estudantes Galegas (ANEGA); e con Ramón García, xerente da Asociación Hostelería Compostela

Oferta de pisos turísticos na web Airbnb
Oferta de pisos turísticos na web Airbnb | Fonte: Airbnb

ANA EIRAS: "OXALÁ TIVERA OUTROS TRES OU CATRO"

Hai un tempo, Ana Eiras mercou unha edificación na zona vella de Santiago, a cincuenta metros da Catedral, e decidiu, non sen esforzo e complicacións, rehabilitala. Á parte da vivenda propia, construíron un segundo apartamento coa finalidade de alugalo a persoas que viaxaran a Compostela. "Ao principio tiña moitas dúbidas pero logo comezaron a animarme... Para min era un mundo descoñecido, non sabía nin que existían os pisos de "uso turístico"", conta Ana. O primerio mes púxolle un prezo de 1000 euros e xa recibiu a chamada de moita xente.

Hoxe en día, xa vai ano e medio que deu de alta o seu apartamento. "Conseguir a licenza da Xunta é un trámite super fácil, non che piden moitos requisitos. Piden moitos máis se se trata dunha vivenda turística ou apartamento turístico", relata. Porén, Ana conta que viven nunha situación algo "contraditoria": "temos o permiso da Xunta pero non o do Concello de Santiago... Ilegais non somos, pero legais, legais, tampouco", di Ana, que espera que o goberno actual "sexa máis permisivo e regule o estado dos pisos". E é que o Concello ten establecida unha moratoria para os pisos turísticos emprazados no casco histórico da cidade, norma que colisiona coas licenzas que se promulgan dende o goberno autonómico. 

"Nós o que dicimos é que en vez de estar tanto detrás dos que somos parcialmente legais, deberían estar detrás dos que están totalmente na ilegalidade, que hai moitísimos", comenta. Sobre as actividades de inspección, o apartamento non viviu ningunha, pero conta que puntualmente se van realizando inspeccións por parte de Facenda en diferentes zonas de Galicia. 

Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb
Imaxe dun piso turístico ofertado na plataforma de Airbnb | Fonte: Airbnb

A súa experiencia é "moi positiva" e o 90% do ano está cuberto: "oxalá tivera outros tres ou catro, sinceramente", asegura. Con todo, considera un inconveniente que a estancia mínima do aloxamento sexa dunha noite, xa que iso require que cada día teña que deixar o piso impecable antes da entrada dos seguintes turistas. Sexa como for, conta que economicamente lle compensa: "eu non lle ía sacar os mesmos cartos a este piso alugándoo un ano enteiro", di. "Que iso é prexudicial para a cidade? Sinceramente penso que o pode ser. A xente atópase con menos oferta", prosegue. Ao seu favor, tamén conta que o Concello de Santiago "non facilita as cousas" para que os habitantes aluguen na zona vella: "hai dificultade para aparcar, non hai fibra, poñen pegas para rehabilitar...".  

Se ben recoñece que "pode ser" que haxa estudantes e traballadores que queiran vivir no casco histórico e se atopen con menos oferta, considera que "isto sucede porque moitos chegaron á conclusión de que dedicándose a iso se sacaba máis economicamente". 

ANA FIDALGO: "OS RENDISTAS DÉIXANSE LEVAR POLO BENEFICIO"

Precisamente esta priorización do beneficio é a criticada dende a Asemblea Nacional de Estudantes Galegas (ANEGA). Ana Figalgo, unha das estudantes que forman parte dela, cre que "hai que entender que os rendistas, os caseiros, sexan grandes ou pequenos, se deixan levar polo beneficio: a uns turistas vanlle poder sacar máis cartos a curto prazo que a uns estudantes que dependen dos ingresos das súas familias ou de traballos precarios que teñen que compaxinar cos estudos". 

Segundo Ana, as condicións dos pisos tamén entran en xogo. Se de por si os pisos para estudantes son "bastante precarios", co aumento das vivendas turísticas, a situación agrávase. "Os mellores quedan para os turistas, que non van pasar polo aro das condicións que aguantan as estudantes", comenta Ana. Como consecuencia, o estudantado ten moito máis complexo atopar a oportunidade de vivir na zona vella e nunhas condicións decentes. "Teñen que desprazarse cara aos lugares da periferia, máis á marxe da universidade. Hai unha desigualdade de oportunidades". 

Á precaridade dos pisos de estudantes súmase o aumento "desorbitado" dos seus prezos, "influídos pola turistificación". Isto provoca que moitas persoas acaben por desbotar a opción de vivir na propia cidade na que estudan e invistan o seu tempo en ir e vir dende o lugar de orixe. Ana explica que estas condicións en que se atopan os pisos non son as máis propicias para levar unha disciplina de estudo adecuada, "e moito menos se tes que compaxinalo con traballo". De feito, isto únese a outra das reivindicacións do colectivo: "non hai bibliotecas suficientes. O feito de que non haxa condicións óptimas para estudar nos pisos fai que te teñas que desprazar ás bibliotecas, pero non hai espazo suficiente", conta Ana.

Tendo en conta que cada vez resulta máis complexo para a mocidade independizarse da casa dos pais, problema que continúa alén dos estudos universitarios, dende o sindicato cren que a solución pasa por unha regulación no prezo dos alugueres. "Non pode ser que os prezos suban cando lles dea a gana e dunha maneira tan exponencial; ademais debería haber máis prazas nas residencias públicas, onde o acceso tampouco é tan sinxelo".

Hai moitos factores que entran en xogo, relata Ana, mais a situación non vai polo bo camiño: "agora que estamos próximos ao Xacobeo 2021, este problema vaise ir agravando conforme pasen os meses". Dende o sindicato teñen a sensación de que con este novo goberno compostelán "non vai haber unha colaboración cos organismos de representación estudantil", e mentres o sistema se siga rexendo polo beneficio, os turistas terán as de gañar. 

RAMÓN GARCÍA: "EXISTE UN AGRAVIO COMPARATIVO"

Para Ramón García, xerente da Asociación Hostelería Compostela, a situación actual dos pisos de uso turístico afecta notablemente á ocupación dos hoteis. "Hai un dato que é moi revelador: hai máis xente e menos ocupación... E a xente non dorme na rúa", comenta. Segundo el, o problema deste tipo de vivendas reside na "laxitude da regulación" e nos "supostos claros de ilegalidade" que non se están sancionando. En Santiago, explica, hai unha moratoria do uso hoteleiro para o casco histórico co obxectivo de que non se converta nun "museo de establecementos de restauración e hostalaría". Sendo así, critica que "non haxa a mesma vixilancia e control sobre os pisos turísticos" que se van establecendo. "É unha clara vulneración".

Segundo o xerente, a solución pasa porque a "normativa que regule os pisos teña certa similitude coa dos hoteis, senón prodúcese un desaxuste, un agravio comparativo que rematará coa proliferación de pisos turísticos e co peche de hoteis". Se ben a lexistación hoteleira é "tremendamente detallista, rigorosa e esixente", a dos pisos turísticos é "moi flexible, sen que lles afecten os requisitos e controis de seguridade, sanitarios e fiscais". Por último, Ramón García recorda que os beneficios dos pisos turísticos son "moi altos e rentables, porque a inversión xa está feita". 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta