Os 'bateeiros' benefícianse de máis do 80% das axudas destinadas á acuicultura sustentable

Na convocatoria de axudas de 2019 (confinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) subvencionáronse un total de 90 iniciativas por importe de 5,2 millóns de euros.

Por E.P. | VIGO | 14/08/2019 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

Os 'bateeiros' benefícianse do 83% das axudas que a Consellería do Mar da Xunta de Galicia destina a melloras que fomenten a acuicultura sustentable, segundo sinalou este mércores a conselleira Rosa Quintana, durante unha visita ao polígono de bateas de Aldán, en Cangas (Pontevedra).

Segundo lembrou Quintana, na convocatoria de axudas de 2019 (confinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca) subvencionáronse un total de 90 iniciativas por importe de 5,2 millóns de euros. Deses proxectos, 75 correspóndense con empresas dedicadas á produción de mexillón, e beneficiáronse de axudas por valor de 4,3 millóns de euros.

Por outra banda, e por distribución xeográfica, o 90% das subvencións na provincia de Pontevedra outorgáronse a empresas desta actividade; e, no caso da Coruña, os produtores de mexillóns conseguiron o 82% das axudas.

Esta circunstancia responde, precisou Rosa Quintana, ao feito de que o cultivo deste bivalvo é o máximo expoñente da acuicultura en Galicia (acapara o 95% da produción). Só en 2018 producíronse 278.700 toneladas de mexillóns por valor de máis de 128 millóns de euros.

A convocatoria destas axudas persegue promover unha acuicultura sustentable e competitiva e, así, subvenciónanse actuacións para investimentos produtivos, diversificación da produción, para modernización de instalacións ou para mellorar a calidade do produto.

Entre os proxectos beneficiarios destacan a construción e modernización de embarcacións, e a modernización de bateas. Precisamente, a conselleira visitou este mércores una desas bateas, 'Dorinda III', da empresa canguesa Trascomar.

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visita unha batea en Aldán (Cangas). XUNTA DE GALICIA
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visita unha batea en Aldán (Cangas). XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta