UGT advirte do aumento en Galicia dos niveis de pobreza e exclusión social no ámbito laboral

Estes niveis aumentaron ao pasar dun 22,6% a un 23% en 2018, segundo denuncia o sindicato.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/08/2019 | Actualizada ás 18:24

Comparte esta noticia

Os niveis de pobreza e exclusión social aumentaron en Galicia ao pasar dun 22,6% a un 23% en 2018, segundo denuncia UGT, que confronta este dato co leve incremento da renda por persoa e fogar (aínda que inferior en Galicia ao do conxunto estatal).

Juan, da Acampada contra a pobreza en Vigo
Juan, da Acampada contra a pobreza en Vigo | Fonte: © Miguel Núñez

O sindicato reclama ao Goberno autonómico un "xiro social" que atenda as necesidades dos cidadáns, ao alegar que unha alta porcentaxe da poboación "continúa inmersa en duras dificultades económicas".

E é que advirte de que a temporalidade no mercado laboral, a parcialidade e a precariedade no desemprego "agudizan" máis as situacións de precariedade.

Conforme a isto, a organización fai fincapé na urxencia de "reverter" as reformas e recortes adoptados desde o ano 2010, ademais da posta en marcha dunha política económica que se dirixa á "creación do emprego de calidade e o fortalecemento do Estado de benestar".

Segundo datos relativos ao exercicio de 2018 achegados por UGT, os galegos dispoñen dunha renda media por fogar de 27.658 euros, mentres que no resto do Estado é de 28.417. Así, a renda media por persoa ascende a uns 11.239 euros ao ano, tamén inferior ao contexto estatal, onde rolda os 11.400 euros.

Deste xeito, expón que máis de 500.000 individuos están en risco de "pobreza severa" en Galicia, máis de 43.000 con carencias materiais e máis de 200.000 persoas viven en fogares con baixa intensidade no traballo. "A taxa de risco de pobreza en Galicia é do 33,63%, o que indica unha alta dependencia das transferencias sociais", alerta.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Senon existira GC habería que inventala !!! Gracias por facer visible o invisible !!! https://elpais.com/Comentario/15647...