As condutas de risco e as "chamadas abusivas" ao 112 descenden en Galicia

No verán aumentan as emerxencias no mar.

Por E.P. | A CORUÑA | 17/08/2019 | Actualizada ás 11:46

Comparte esta noticia

As condutas de risco por parte de particulares e as "chamadas abusivas" ao servizo de emerxencias 112 descenderon en Galicia, onde no verán aumentan as emerxencias no mar, segundo apuntaron a Europa Press desde a Xunta de Galicia.

Servizo de emerxencias 112
Servizo de emerxencias 112

Unha actitude neglixente, xerar falsas alarmas ou o que o 112 denomina "chamadas abusivas" —as que alteran o normal funcionamento do mesmo— pode ter as súas consecuencias, de acordo coa lexislación autonómica. Así, distintos artigos da Lei de Emerxencias cualifican como graves "aquelas condutas que supoñan a desatención das prohibicións ou ordes emanadas" por Protección Civil cando estea activado "un plan ou emerxencia declarado".

Por iso, establécense sancións que buscan servir "de elemento disuasorio de actuacións que porían risco non só a propia vida senón a de terceiras persoas, incluídos os propios membros dos equipos de rescate, como xa ocorreu tristemente no pasado", apuntan desde a Consellería de Presidencia.

CHAMADAS ABUSIVAS

Con todo, sinalan que tanto as condutas de risco como as "chamadas abusivas ao 112" rexistraron unha redución nos últimos anos. "As persoas son moito máis conscientes da importancia de acatar as indicacións e as prohibicións", aclaran.

No caso das "chamadas abusivas", o 112 Galicia dispón dun sistema que permite identificar, mediante criterios como o número de chamadas día/mes, a aquelas persoas que "de maneira reiterada, inciden negativamente na prestación do servizo de emerxencias".

Mediante o mesmo, son incorporados a unha base de datos "que cando volve chamar ao 112, escoitan unha alocución advertíndolles das consecuencias da súa chamada como 'maliciosa'", explican desde a Xunta. Con todo, cóllese a chamada telefónica ao ser un servizo que actúa "baixo un criterio de resposta permanente", lembran.

En canto ás sancións, van desde infraccións moi graves, de máis de 15.000 euros ata 600.000 euros; graves, de máis de 1.000 euros ata 15.000 e leves de 60 euros ata 1.000 euros.

Entre as primeiras, inclúense non adoptar medidas de autoprotección ou non manter os medios persoais e materiais necesarios para afrontar situacións de risco e emerxencia ou non respectar as ordes e instrucións ditadas por Protección Civil.

Infraccións graves son, entre outras, non comunicar ás autoridades competentes calquera circunstancia ou incidencia que poida xerar situacións de emerxencia ou realizar "chamadas abusivas, insultantes, ameazadoras ou xocosas de maneira reiterada ao 112 ou chamadas reiteradas coas que se comunican avisos falsos de urxencias". Entre as leves, están tamén as chamadas inxustificadas ou non seguir as instrucións dispostas.

EMERXENCIAS NO MAR

Mentres, desde a Consellería do Mar explicaron que as emerxencias aumentan no verán polo maior número de embarcacións de recreo navegando en augas galegas. "Adoitan ser remolques de embarcacións e rescates de persoas que quedaron illadas en rochas ao subir a marea ou pola ondada", explican.

Tamén aumentan as evacuacións desde illas e cantiis. Sobre as falsas alarmas de desaparecidos, precisan que son "menos habituais, pero tamén adoita darse algún caso".

En canto á maioría das asistencias nas que interveñen os medios de rescate, aseguran que adoitan ser por evacuación de tripulantes por motivos de saúde ou persoas que sofren un problema vinculados con algunha actividade marítima. A iso, súmanse outras por remolque de embarcacións.

No que vai de ano, ata o 9 de agoas actuacións de rescate e/ou asistencia e loita contra a contaminación realizados por medios de Gardacostas elevouse a 19 no caso dos buques e 29 no dos helicópteros. En 2018, foron, en total, 67 e 46, respectivamente.

GASTOS

Desde a Consellería do Mar explican que, antes de esixir o pago por unha intervención, analízase "cada caso como as posibles neglixencias ou o contexto" e que se require ao seguro, ao que a Lei de Pesca de Galicia obriga a estar subscrito.

No caso de emitir factura, se a persoa afectada está en contra da resolución ten a posibilidade de recorrer. Mentres, aclaran que están exentas de cobro aquelas intervencións sen resultado positivo, como os casos nas que a persoa rescatada faleceu.

En 2018, o importe facturado elevouse a 75.544,20 euros, recadando desta contía 41.167,18 euros. Ata o 9 de agosto deste ano, a cantidade facturada elevouse a 9.533,33 euros, do que se recadou 5.683,33 euros. "O que está pendente de cobro débese a que está en tramitación ou por vía executiva", apuntan desde a Administración autonómica.

Sobre os gastos que implica un rescate, sinalan tamén que, de acordo cun decreto da Xunta de 2012, o custo dun helicóptero supón 2.200 euros a hora; mentres que o dunha embarcación, segundo a eslora, varía entre os 450 e os 2.200 euros ao día. No caso dos medios humanos, supón 37 euros a hora.

Mentres, por parte de Salvamento Marítimo aseguraron que "o salvamento da vida humana non se cobra nunca", de acordo cunha orde ministerial de 2013, aínda que precisan que, en cambio, si se poden cobrar "servizos como o remolque ou recuperación de embarcacións, con independencia de se se cometeu unha imprudencia ou non". Ata o 31 de xullo deste ano, os seus efectivos asistiron a 450 persoas e a 171 embarcacións.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta