Máis de 130.000 firmas piden o fin da emisión de programas "violentos" cos animais na TVE

Queren que Galicia sexa a primeira comunidade que inste o Estado español á desconexión territorial durante o horario de retransmisión de contidos potencialmente violentos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2019 | Actualizada ás 17:24

Comparte esta noticia

Máis de 130.000 firmas recollidas pola Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber na plataforma 'Change.org' piden o fin da emisión de programas "violentos" cos animais na televisión galega "e lograr que Galicia sexa a primeira comunidade que inste o Estado español á desconexión territorial durante o horario de retransmisión de contidos potencialmente violentos".

Imaxe dunha corrida de touros en Palma.
Imaxe dunha corrida de touros en Palma. | Fonte: Europa Press

Ambas as asociacións criticaron que este sábado que "calquera menor de idade poderá ver na televisión pública como un toureiro atravesa co estoque a un bóvido ensanguentado", o que, ao seu xuízo, "supón unha estampa de crueldade real e explícita cara aos animais".

"A emisión de contidos en RTVE como Tendido Cero, os sábados ás 14,00 horas, e Jara y Sedal, os venres ás 18,00 horas, evidencia que a violencia contra os animais como forma de actividade de lecer ou de suposta conservación do Medio Natural están infiltradas no denominado horario de protección infantil, a franxa horaria que o Goberno debería protexer para evitar programas ou imaxes potencialmente nocivas para as persoas menores de idade", lamentaron os animalistas.

Así, Libera, a Fundación Franz Weber e a plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas denunciaron estas prácticas audiovisuais, criticando que RTVE "siga incluíndo estes contidos perigosos para o desenvolvemento psicosocial dos menores", mentres se dan circunstancias como que un neno de 12 anos non pode acceder á feira taurina de Pontevedra pero si velo en televisión.

As ONG denunciaron ante a nova valedora do Pobo o que consideran unha "vulneración" da Directiva Europea coñecida popularmente como 'Televisión Sen Fronteiras', ao entender que non se garanten as franxas de protección na grella da RTVE, o que tamén vulneraría a normativa sobre contidos audiovisuais de España, xa que Galicia non ten normas propias respecto diso.

Desta forma, as asociacións farán propio o exercicio do Dereito de Petición recoñecido ante o Parlamento de Galicia para impulsar unha iniciativa parlamentaria ante a Comisión de Peticións coas máis de 130.000 persoas que secundaron a recollida de firmas, reclamando a desconexión territorial para protexer a "integridade moral" da infancia galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Louzán

Eu asinaría e mesmo pagaría uns euriños pra que retiraran o Luar e os programas de orquestras da tvg...