A escritora Arancha Nogueira e o xornalista Aser Álvarez gañan o premio Johán Carballeira

A entrega dos premios, no Concello de Bueu, enmárcase na celebración do Día da Galiza Mártir.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/08/2019 | Actualizada ás 18:00

Comparte esta noticia

A escritora Arancha Nogueira e o xornalista e cineasta Aser Álvarez foron os galardoados dos premios Johán Carballeira nas categorías de poesía e xornalismo, respectivamente, que se celebran cada ano no municipio pontevedrés de Bueu.

Entrega dos premios Johán Carballeira
Entrega dos premios Johán Carballeira | Fonte: Cedida.

Este sábado celebrouse a entrega destes premios nos que o concelleiro de Cultura da localidade, Xosé Leal, lembrou que este evento tamén conmemora o Día da Galiza Mártir, xa que Johán Carballeira foi un deses "mártires", segundo explicou o Consistorio nun comunicado.

Pola súa banda, Nogueira fixo fincapé na importancia da convocatoria destes premios e desexou que "oxalá algún día escribir en galego non sexa un acto militante".

A escritora ourensá resultou premiada polo seu poemario 'O silencio das gaivotas', no que aborda a mirada infantil que os menores teñen dos seus modelos adultos e ademais trata sobre "a familia" e as persoas que "axudan a facer camiño".

Ao mesmo tempo, Aser Álvarez foi premiado pola súa reportaxe 'Ferrín e a poesía do circo', unha peza sobre Xosé Luís Méndez Ferrín que trata sobre como o escritor derrubou "as fronteiras entre xéneros", un límite no que "xorden as cousas interesantes da vida", asegurou Álvarez.

Ademais, o galardoado tamén lembrou a figura de Alexandre Bóveda, o político galeguista que foi asasinado ao comezo da Guerra Civil española.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta