Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 19/08/2019 | Actualizada ás 13:24
Se hoxe se celebrasen eleccións autonómicas en Galicia, o PPdeG, liderado por Alberto Núñez Feijóo, perdería a maioría absoluta, segundo as proxeccións de Electomanía, medio especializado en demoscopia.
Os cálculos sitúan o partido de Feijóo co 37,4 % dos votos, 10,8 puntos por enriba do PSdeG, que se afianzaría como segunda forza en Galicia co 26,6 %.
O BNG recuperaría músculo co seu sorpasso a Galicia en Común (derivado do partido instrumental En Marea), ao conseguir o 11,9 % dos votos fronte o 10,9 dos segundos. Ciudadanos sería a última forza que acadaría representación no Parlamento galego, co 6,7 %.
Así, o bloque alternativo da esquerda (PSdeG, BNG e Galicia en Común) sumaría o 49,4 % dos escrutinios, fronte o 44,1 da dereita (PP e Ciudadanos) e abriríase a vía para un novo goberno de coalición progresista, sumando 38 escanos (o límite da maioría absoluta) do seguinte xeito: 22 deputados para os socialistas, oito para os nacionalistas e outros oito para a marca de Podemos en Galicia.
O PP quedaría con 33 representantes (oito menos que nos últimos comicios) e Ciudadanos acadaría catro, sumando ambos os dous 37 escanos.
O partido ultradereitista Vox conseguiría tan só un 2,9 % dos votos, manténdose como forza residual en Galicia e sen representación na Cámara.
Con todo, a proxección do partido gañador por concellos mostra unha hexemonía do PP, que tingue de azul a gran maioría do país por municipios, con pequenas illas onde o PSdeG e o BNG serían os partidos vencedores.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.