Os detidos e investigados por incendios forestais aumentan un 40% no que vai de ano

A Xunta avisa do despregamento de medios, consciente de que "cando se dan as condicións, hai un efecto chamada".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 19/08/2019 | Actualizada ás 14:23

Comparte esta noticia

Un centenar de persoas foron investigadas ou detidas en Galicia no que vai de ano en relación con incendios forestais, dato que serviu ao conselleiro de Medio Rural, José González, para reivindicar o "esforzo" no despregamento de medios humanos e tecnolóxicos para "disuadir" os "incendiarios", posto que xa case alcanza a cifra global de 2018, cando foron 105 os imputados ou arrestados por estes feitos.

González, en declaracións aos medios de comunicación coincidindo coa segunda reunión do comité de coordinación policial, destacou que a coordinación "está a funcionar", aínda que recoñeceu que "a meteoroloxía, non cabe ningunha dúbida, está a axudar" na comunidade galega, tras uns meses de xullo e agosto caracterizados por un tempo cambiante e sen temperaturas extremas nin ventos do nordés.

Ante a previsión de que as condicións cambien a partir de agora, en calquera caso, o conselleiro asumiu que cando isto ocorre "hai un efecto chamada", de aí a mensaxe á cidadanía para que saiba que están dispostos "todos os medios para a disuasión", desde Policía Autonómica e Nacional, Exército, cámaras de videovixilancia e ata drones.

Pola súa banda, resaltou o aumento de en torno ao 40% dos detidos e investigados por parte da policía adscrita á comunidade autonómica, e sinalou tamén o traballo en coordinación coas brigadas de investigación do servizo de loita contra incendio da Xunta.

Despois dun 2017 que foi "momento de inflexión", pola vaga de lumes de outubro, o Goberno galego entende "que o período de máximo risco increméntase" e por iso é polo que as cuadrillas con contrato temporal estarán operativas cinco meses, en lugar de tres, posto que "hai que traballar máis en extinción e en prevención".

MÁIS DE 1.300 LEIRAS LIMPAS

Precisamente sobre esta última, cifrou en máis de 1.300 as leiras que xa van limpar as súas franxas de seguridade en parroquias priorizadas, tras a firma de contratos ao amparo do convenio entre Medio Rural, Fegamp e Seaga.

O titular de Medio Rural indicou que "moita da xente que ten que asinar só vén nestes meses de verán ao pobo", de aí o atraso nos labores, e explicou que aínda que se roce no verán farase "con todas as precaucións" por se salta "algunha faísca".

Por último, a este respecto, ratificou que no que queda de exercicio completarase a limpeza das 4.500 hectáreas das parroquias priorizadas, e insistiu na petición de que os particulares "asinen os contratos, porque lles sae máis barato que o faga Seaga a que o fagan polos seus medios".

INICIO DE NOTIFICACIÓNS

De todos os xeitos, avanzou que "nestes días" a consellería iniciará tamén "as notificacións para aqueles que non asinaron os contratos", coa intención de "advertirlles de que haberá que entrar" nas súas leiras e de que lles será cobrado "o seu custo".

"Non é o obxectivo, non queremos cobrar de máis nin sancionar, pero si queremos que as franxas desas parroquias estean limpas porque buscamos protexer á xente das aldeas dos incendios", resolveu.

O conselleiro de Medio Rural, José González, fala sobre detidos por incendios forestais
O conselleiro de Medio Rural, José González, fala sobre detidos por incendios forestais | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta