Galicia rexistra dúas das 40 vítimas asasinadas por violencia de xénero en España no que vai de 2019

Son xa 1.015 as asasinadas en España desde o ano 2003, momento en que empezaron a contabilizarse.

Por Europa Press / Redacción | MADRID | 19/08/2019 | Actualizada ás 16:05

Comparte esta noticia

O Goberno en funcións confirmou como violencia de xénero o caso da muller de 73 anos asasinada en Xaén supostamente polo seu cónxuxe este domingo 18 de agosto. Con ela, elévase a 40 o número de mulleres vítimas mortais da violencia de xénero no que vai de 2019 —dúas delas en Galicia—, 12 máis que no mesmo período do ano anterior. Ademais, xa son 1.015 asasinadas desde o ano 2003, momento en que empezaron a contabilizarse.

Violencia machista / Macnolete en Flickr www.flickr.com/photos/macnolete/2599959533
Violencia machista / Macnolete en Flickr www.flickr.com/photos/macnolete/2599959533

"A violencia machista non cesa, esta vez golpeou en Xaén. O meu máis sentido pésame á familia da muller asasinada brutalmente e o firme compromiso do Goberno para acabar cunha secuela que xa suma 40 vítimas neste ano, 1.015 desde que hai datos", subliñou a vicepresidenta do Goberno en funcións, Carmen Calvo, nunha mensaxe publicada este luns 19 de agosto en Twitter.

Tamén o presidente do Goberno en funcións, Pedro Sánchez, expresou a súa "tristeza" ao confirmarse este último asasinato. "É insoportable tanta dor. Non pararemos ata acabar coa violencia de xénero. A nosa sociedade non pode tolerar esta violencia machista que mata, maltrata, humilla a mulleres", subliña noutra mensaxe na mesma rede social.

O caso da muller de 73 anos asasinada en Xaén incluíuse na estatística da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero que contabiliza o número de vítimas mortais de violencia machista en España. O presunto agresor, do que a muller estaba en trámites de separación pero sobre o cal non existían denuncias previas por violencia de xénero, foi detido este domingo.

Das 40 mulleres asasinadas no que vai de 2019 só 8 denunciaran o seu agresor e dúas delas non continuaron co proceso. En catro dos casos nos que si existía denuncia, adoptáronse medidas de protección e en tres, estas medidas estaban vixentes no momento do crime.

A maioría das vítimas mortais (42,5%) tiña entre 41 e 50 anos, franxa de idade que tamén predomina entre os agresores (45%). O 62,5% das mulleres eran españolas e no 67,5% dos casos convivían co seu presunto agresor. Dos 40 agresores, 12 suicidáronse e tres tentárono sen éxito.

Por comunidades autónomas, cinco concentran a maioría dos asasinatos de mulleres a mans das súas parellas ou ex-parellas que se cometeron no que vai de 2019, segundo os datos da Delegación do Goberno para a Violencia de Xénero. En concreto, trátase de Andalucía (9 casos), Canarias (6), Comunidade Valenciana (6), Cataluña (5) e Comunidade de Madrid (5). Os restantes producíronse en Castela e León (3), Cantabria (2), Galicia (2), Aragón (1) e a Rexión de Murcia (1).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta