A Xunta abre dilixencias á familia Franco por incumprir o réxime de visitas do Pazo de Meirás

Pola súa banda, o deputado do BNG Luís Bará reclama á Xunta "axilidade e contundencia" na tramitación do expediente, xa que, segundo recorda, a anterior sanción aos Franco "non chegou a ser cobrada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/08/2019 | Actualizada ás 12:22

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, abriu dilixencias informativas á familia Franco en relación ás visitas obrigadas ao Pazo de Meirás como Ben de Interese Cultural, que deben ser, polo menos, catro ao mes.

Segundo confirmaron a Europa Press fontes da consellería, as dilixencias informativas abríronse por mor dunha denuncia na que se alertaba do incumprimento do réxime de visitas ao que a normativa obriga os Franco despois de que o conxunto se declarase BIC.

Cultura seguirá neste procedemento os mesmos pasos que en anteriores ocasións. De feito, a consellería lembrou que en 2017 xa impuxo á familia Franco unha multa por incumprir o réxime de visitas da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia, "a primeira vez que un Goberno da Xunta o fixo".

A denuncia parte do Concello de Sada, que trasladou á Consellería de Cultura as queixas de varias persoas que non puideran coñecer o pazo dado que o teléfono que figura para as visitas non funcionaba.

Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo
Pazo de Meirás. EUROPA PRESS - Arquivo

O BNG PIDE "CONTUNDENCIA" Á XUNTA

O deputado do BNG Luís Bará reclamou este martes á Xunta "axilidade e contundencia" na tramitación do expediente informativo á familia Franco, así como unha "sanción exemplar".

En declaracións aos medios, Bará lembrou que o anterior expediente, que data de 2017, derivou nunha sanción de 4.500 euros aos Franco, que "non chegou a ser cobrada polo falecemento de Carmen Franco" e pola "lentitude na tramitación", que "durou máis de seis meses".

"A familia Franco nunca foi multada por este incumprimento", criticou o deputado nacionalista, que, no entanto, destacou que os descendentes do ditador si recibiron "cuantiosas axudas" para "financiar estas visitas e os custos derivados delas", que cifrou en 30.000 euros nos anos 2011 e 2012.

Con iso, confiou en que "nesta ocasión se actúe con axilidade" e "contundencia" para garantir as visitas a Meirás que obriga a súa declaración como Ben de Interese Cultural, "máis aló do uso que se fai do pazo", para "facer apoloxía da ditadura", algo que ve "unha auténtica vergoña".

ROMÁN RODRÍGUEZ

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, subliñou que a Xunta imporá unha sanción "sen ningún tipo de dúbida" no caso de que se demostre que a denuncia é certa. O expediente aberto á familia Franco, ao seu xuízo, demostra que "esta administración fai cumprir a lei a todas as familias", con independencia de cal sexa a familia.

Neste sentido, reivindicou ser a "única" administración que multou "no seu momento" a Carmen Franco, pero alegou que a contía "non se puido cobrar por falecemento". Se en 2018 non houbo sanción, alegou, sería porque non se daría "a casuística" de incumprimento da obrigación de abrir este espazo declarado ben de interese cultural (BIC) ao público durante catro días ao mes.

"Estudarase a denuncia e tomaranse as decisións dentro do marco xurídico", insistiu o conselleiro, quen, cuestionado sobre as críticas por apoloxía do franquismo en Meirás, apuntou aos tribunais. "Houbo denuncias e Fiscalía é coñecedora", resolveu. Por parte do Goberno galego lembrou que ten que "facer cumprir" a lexislación "como ben patrimonial" e trouxo tamén a colación o proceso aberto nos xulgados para tratar de que o pazo sexa público.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta