Por Galicia Confidencial | Mondariz | 22/08/2019 | Actualizada ás 11:45
Alexandre Estévez Gil é un dos homes fortes do BNG de Mondariz e unha das persoas da máxima confianza do alcalde, o nacionalista Emilio Barros. Este alto cargo local do Bloque participou en primeira fila cos concelleiros do PP no desfile e procesión relixiosa que se fixo no día grande das festas da Peña de Francia, o pasado 15 de agosto.
Alexandre Estévez Gil, que é tamén alcalde pedáneo da entidade local menor de Vilasobroso, estivo acompañada no interior da igrexa polas actuais concelleiras do PP, Ana Corredoira e Virginia Sotelinol, mentras o alcalde Emilio Barros e os dous tenentes de alcalde do BNG,Leopoldo Tato e Lita Carballo, agardaban na praza central de Mondariz.
Este feito pasaría por anécdota pero causou certa sorpresa en sectores da esquerda de Mondariz, e do propio BNG, cuxos principais dirixentes son contrarios á participar en eventos de tipo relixioso, e mesmo teñen criticado a dirixentes doutros partidos da esquerda por facelo, como é o caso de Yolanda Díaz, agora no núcleo duro de Pablo Iglesias.
Esta boa relación entre nacionalistas e populares en festas relixiosas coincide, ademais, co pacto acadado entre BNG, PSdeG e PP neste concello onde os populares apoiaron a investidura de Emilio Barros como alcalde a pesar de que a marea local, Alternativa por Mondariz, fora a máis votada.
O acordo do PP co BNG en Mondariz foi moi criticado por dirixentes nacionalistas, entre eles, o ex voceiro nacional desta formación Guillerme Vázquez. Con todo, a dirección do BNG apoiou este acordo alegando que fora o PP quen apoiara ao BNG e que non había pacto. Este caso foi xulgado de xeito diferente ao de Catoira, onde a Executiva nacionalista abriu expediente de expulsión aos seus edís por pactar co PP para que lle dera a alcaldía en detrimento do PSOE.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.