G. Caballero prioriza un cambio e resta importancia ao acontecido en Santiago e Trives

O secretario xeral do PSdeG prefire que non se repitan as eleccións pero di que o PSdeG está "preparado para calquera escenario".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2019 | Actualizada ás 13:48

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou que a "vocación" do seu partido é "que haxa goberno" no ámbito estatal, de modo que o Congreso dos Deputados permita a investidura do socialista Pedro Sánchez.

En calquera caso, afirmou que os socialistas galegos están "preparados para calquera escenario" e rexeitou dificultades para chegar a alianzas no horizonte das eleccións autonómicas en Galicia, que están previstas para o próximo outono.

Respecto diso, asegurou que "todas as forzas progresistas" saben que "o prioritario" é un cambio e restou importancia a cuestións acontecidas en Santiago (onde a abstención do PP permitiu ao PSOE sacar adiante uns orzamentos para o que queda de ano) e Trives (onde dous edís da marea renunciaron a seguir formando parte do goberno co PSOE).

A preguntas dos xornalistas en rolda de prensa, Caballero fixo un chamamento ás forzas progresistas do ámbito estatal para que non teña que haber repetición de comicios, posto que aínda "hai un tempo estas próximas semanas".

Ademais, cargou contra "as forzas de dereitas, que queren xogar ao constitucionalismo" pero "logo son actores de boicot a un goberno progresista". Neste sentido, advertiu de que se o resultado das últimas xerais se repite nas próximas galegas "haberá un cambio liderado polo PSdeG" con "todas as forzas que entenden que hai que pasar páxina da etapa de Feijóo".

Cuestionado polas dificultades da esquerda para alcanzar un pacto, sinalou que, en Galicia, hai coincidencia na "importancia de abrir un novo tempo político, por rexeneración e por calidade democrática". E, nesta liña, resaltou que a imaxe que reflicte na actualidade o Parlamento galego é unha "foto de 2016" que "non representa a realidade" da comunidade nestes momentos.

"CUESTIÓNS MENORES"

O que pasou en Santiago é atribuíble, segundo o líder do PSdeG, a "dinámicas e especificidades" de cada municipio, ademais de corresponderse con "cuestións menores" por tratarse da aprobación dun orzamento de carácter técnico, segundo os socialistas.

Tamén "cuestións menores" son, na súa opinión, as que teñen que ver coa ruptura en Trives, un concello que "non é representantivo do conxunto de Galicia".

De feito, Caballero apuntou que a cidadanía está "escandalizada" pero polo que ocorreu na capital da provincia ourensá, onde "Feijóo lle deu a alcaldía a alguén ao que xa lle dimitiron dous concelleiros", en relación a Gonzalo Pérez Jácome.

Gonzalo Caballero en rolda de prensa.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS
Gonzalo Caballero en rolda de prensa.. PEDRO DAVILA-EUROPA PRESS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta