O PSOE cre que a intermodal de Adif mellorará a conexión entre A Ponte e O Vinteún e o viario rodado

O grupo municipal socialista remitiuse a que "o Diario Oficial da Unión Europea especifica claramente o contido das obras e sinala a Adif como o seu licitador".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2019 | Actualizada ás 15:52

Comparte esta noticia

O concelleiro socialista Wilson Jones asegurou este mércores, despois de analizar a licitación das obras da estación intermodal por parte de Adif, que "a cubrición das vías e urbanización dese espazo, a pasarela peonil entre A Ponte e O Vinteún e o viario rodado" están "garantidas".

Con estas palabras, o PSOE quixo "desmentir as medias verdades do goberno local" manifestadas o pasado martes durante a Xunta de Área, na que o concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, apuntaba a que "Adif non se compromete á realización das devanditas obras".

Wilson Jones remitiuse a que "o Diario Oficial da Unión Europea especifica claramente o contido das obras e sinala a Adif como o seu licitador". No entanto, explicou que estas actuacións se contemplan na fase cinco das mesmas e "as obras aínda están no número tres".

"Non se pode crear un pánico infundado na cidadanía", engadiu a súa compañeira a viceportavoz municipal, Natalia González, quen tamén indicou que o PSOE se reunirá o vindeiro xoves, 29 de agosto, coa presidenta de Adif, Isabel Pardo, e "xestionará directamente con ela o que non fixeron durante estes dous meses o actual goberno de PP e DO".

"Imos defender o mellor proxecto posible que definirá a esta cidade para os próximos 100 anos", subliñou a edil, despois de afirmar que "a intención do pasado goberno do PP era a perda da intermodal e dun proxecto que conviña a toda a cidadanía".

"ADIF NON CONSIDERA ESTAS OBRAS"

Por outra banda, o concelleiro de Infraestruturas, Miguel Caride, respondeu ás acusacións alegando que "na Xunta de Área trasladóuselle aos grupos políticos municipais a situación actual da integración ferroviaria exposta polos propios técnicos de Adif".

"Os citados técnicos son quen dixeron que as actuacións da vía de conexión entre a praza da estación e a rúa Río Arnoia, así como a cubrición do caixón ferroviario cun parque público non se consideran actuacións de carácter ferroviario, e por tanto sosteñen que non lles corresponde custear dita obra", declarou Caride.

En canto a que se inclúa no Diario da Unión Europea, o responsable de Infraestruturas manifestou que "non significa nada, xa que a experiencia demostra que mentres non estea adxudicada a obra e en marcha, absolutamente nada está garantido". Por último pediu ao PSOE que "se dispón doutra información solvente a comparta cos demais", xa sexa a través da Xunta de Área ou solicitando unha reunión doutro tipo.

A OPOSICIÓN PIDE EXPLICACIÓNS

Pola súa banda, Ciudadanos tamén enviou un comunicado solicitando explicacións ao grupo de goberno local acerca de "cal será o futuro da Estación Intermodal". O portavoz local da formación laranxa, José Araújo, mostrouse "preocupado" ante as afirmacións de Caride que apuntan "á falta de compromiso do Goberno central coa estación do AVE".

O BNG tamén denunciou o pasado martes a falta dun plan de humanización para o barrio da Ponche, despois de constatalo coas palabras de Miguel Caride na Xunta de Área. "Tanto o PP como o PSOE defenderon nun determinado momento o enterramento do AVE. Nestes momentos ao PSOE xa lle vale o deseño dunha estación que é de todo menos intermodal e que deixou elaborado o PP", apuntou o portavoz municipal do BNG, Luís Seara.

Así mesmo, Seara afirmou que esixirán "o cumprimento estrito dos compromisos" e que a organización nacionalista está "en contra do proxecto vixente" porque "non resolve a situación máis esencial que é a de superar a fractura histórica existente entre os barrios da Ponte e O Vinteún".

Edís do PSOE de Ourense.
Edís do PSOE de Ourense. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta