Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/08/2019 | Actualizada ás 18:58
A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) reclamou ás autoridades que investiguen os motivos da cancelación do Maestral Fest de Sanxenxo (Pontevedra), polo que xa recibiron varias consultas e queixas. O pasado 16 de agosto, lembrou a asociación, a organización do Maestral Music Festival Sanxenxo emitiu un comunicado anunciando a cancelación de todos os "eventos previstos no seu recinto" e esgrimindo "motivo alleos á organización do festival e insalvables".
Naquel momento anunciouse que os asistentes poderían reclamar o importe abonado polas entradas a través de Ataquilla.com, pero a plataforma advertiu vía correo electrónico aos afectados que "non se reembolsarían as entradas ata que a organización realice os ingresos dos importes".
Ao longo desta semana, a Unión de Consumidores de Galicia "comezou a recibir consultas e queixas de asistentes", ben porque non puideron ver as actuacións comprometidas, porque tiñan gastos de transporte ou aloxamento comprometidos ou para recuperar o diñeiro das súas entradas.
Ante o número de persoas afectadas, Unión de Consumidores de Galicia considerou necesario tramitar ante as autoridades de consumo "a pertinente solicitude para que leve a cabo unha investigación dos feitos que depure responsabilidades e impoña as correspondentes sancións".
Así mesmo, animou ás persoas "afectadas polas irregularidades e cancelación do festival" a reclamar "non só a devolución do prezo da entrada senón tamén, se fose o caso, os danos e prexuízos derivados como desprazamentos e reservas para durmir". "Teñamos en conta que ao comprar á entrada para asistir ao festival, contratouse un servizo que se prestou de forma defectuosa nalgúns casos e noutros, non se chegou a materializar", lembran.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.