Seis persoas no hospital debido a un incendio na cociña dunha vivenda en Santiago

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/08/2019 | Actualizada ás 09:51

Comparte esta noticia

Seis persoas, cinco mulleres e un home, foron trasladadas a un centro hospitalario na noite do domingo despois de declararse un incendio na cociña dunha vivenda en Santiago de Compostela. Segundo informou o 112 Galicia, as persoas afectadas foron trasladadas a un centro sanitario ao presentar síntomas por intoxicación de fume.

Os feitos tiveron lugar sobre as 20,20 horas deste domingo na Praza de Europa, á altura do número 17 e foi necesario evacuar o edificio, concretaron as mesmas fontes.

As chamadas ao 112 Galicia de varias persoas particulares permitiron activar un operativo no que participaron a Policía Local, a Policía Nacional, os Bombeiros de Santiago e Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Unha vez na vivenda, os servizos de emerxencias atallaron o incendio, que calcinou a cociña por completo e deixou a vivenda "totalmente afectada polo fume", sinalou o 112. Tras ser controlada a situación, os ocupantes das vivendas puideron regresar ás súas casas.

Pola súa banda, o 061 enviou dúas ambulancias que levaron ao Hospital Clínico ao home C.G.P., de 50 anos, e ás mulleres M.D.L.S.R., de 60; C.L.A., de 83; M.L.B.T.; C.S.F., de 61; e M.F.C.A., de 73, confirmaron a Europa Press fontes sanitarias.

Camión de bombeiros
Camión de bombeiros | Fonte: Consorcio Provincial de Bombeiros de Ourense

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta