Sanidade cre que as alertas por listeriose "funcionaron" pero avoga por mellorar a coordinación

Ratifica a inexistencia de casos en Galicia e apela á tranquilidade.

Por E.P. | A CORUÑA | 27/08/2019 | Actualizada ás 12:04

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, considerou que as alertas ante o brote de listeriosis detectado en Andalucía "funcionaron", aínda que avogou por utilizar o sucedido para "mellorar" a coordinación ante casos deste tipo.

Nunha entrevista na Radio Galega, recollida por Europa Press, tras a reunión celebrada este luns no Ministerio de Sanidade con representantes de todas as comunidades autónomas para abordar a xestión deste brote, o conselleiro apelou a trasladar unha mensaxe de "tranquilidade" á poboación.

"Realmente as alertas funcionaron, por iso en poucos días todas as comunidades autónomas estaban coordinadas", expuxo Almuiña, quen subliñou que, en materia de saúde pública, España "funciona ben".

"Hai máis que dicir en positivo que en negativo", afirmou o conselleiro de Sanidade en alusión ao sistema de alertas alimentarias, ao seu xuízo, "coordinado en poucos días". Con todo, considerou conveniente "utilizar eses sucesos para mellorar o sistema actual, de coordinación e comunicación", engadiu sobre os mecanismos existentes entre comunidades autónomas e a Administración central.

SEN CASOS EN GALICIA

No caso de Galicia, ratificou que non houbo ningún caso. Unicamente, segundo aseverou, "houbo unha información inicial de que había posibilidade de que unha empresa de ámbito nacional enviase 10 quilos" a esta autonomía. No entanto, dixo que por parte de inspección acudiuse a este centro e ratificouse que non chegara mercadoría.

Cuestionado polo feito de que se tardase en coñecer que outra empresa envasaba tamén a carne mechada, o conselleiro expuxo que "hai unha responsabilidade dunhas empresas que comercializaron un produto en malas condicións e cunha etiquetaxe incorrecta".

Tras o ocorrido, incidiu en que abordar o sucedido foi un dos obxectivos da reunión celebrada no Ministerio de Sanidade. "Agora queda algo moi importante, esperar que isto finalice e recoller todos os datos por se hai que variar algunha normativa, sexa autonómica ou nacional, para mellorar", apostilou.

Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. RADIO GALEGA
Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña. RADIO GALEGA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta