Jácome saca a poxa o coche oficial do Concello de Ourense por 3.000 euros

O goberno municipal aposta por un novo enfoque na mobilidade do rexedor e os concelleiros ao optar polo transporte público e o taxi.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/08/2019 | Actualizada ás 11:58

Comparte esta noticia

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, anunciou este martes que sairá a poxa o coche oficial do Concello por 3.000 euros. Trátase dun Audi A6, con máis de 15 anos, que se adquiriu na época en que Manuel Cabezas era rexedor da cidade das Burgas.

Así o explicou na súa comparecencia ante os medios que tivo como obxectivo presentar "o novo enfoque de mobilidade" que o goberno municipal ideou para o alcalde e os concelleiros e que pasa pola supresión dos dous vehículos oficiais e a súa substitución polo transporte público ou o uso do taxi.

Deste xeito, determinouse que no caso de viaxes longas a outras provincias realizaranse con transporte público, xa sexa tren ou avión. "Igual que fixen eu a última vez que fun a Madrid", puxo como exemplo Jácome.

Mentres, para os desprazamentos pola cidade optarase polo uso do taxi. "Imos chegar a un convenio cos taxistas de Ourense, de tal forma que poderemos tomar o taxi en calquera momento e cargarase directamente en conta", sinalou o rexedor.

Segundo os cálculos do goberno municipal, estas medidas serán "moitísimo máis baratas e igual de prácticas" e suporán unha alternativa ao "gasto excesivo" que supoñen os dous coches oficiais, ao prescindir do pago de "mantemento, seguro e o soldo dos choferes". "O aforro suporía ao redor de 20.000 euros aos anos", explicou Jácome.

"CHOFERES SEN FACER NADA"

Pola súa banda, Jácome precisou que, na actualidade, existen dous choferes que "se pasan a xornada esperando no parque móbil municipal, sen facer absolutamente nada a maioría do tempo".

Por tanto, a idea é manter a un deles de garda para levar a cabo as tarefas necesarias no parque móbil e o resto serán recolocados a outros servizos con maior carga de traballo.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, saca a poxa o coche oficial do Concello por 3.000 euros.
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, saca a poxa o coche oficial do Concello por 3.000 euros. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta