G. Caballero pide acordar un "goberno progresista", pero ve ao PSOE "preparado" para novas eleccións

Critica que Feijóo queira ser "exemplo" para Casado cando "perdeu" as eleccións de abril e a súa etapa está "esgotada"

Por E.P. | VIGO | 27/08/2019 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, volveu a reclamar este martes que se busquen "fórmulas" de acordo para un "goberno progresista" en España, aínda que matizou que os socialistas están "preparados" no caso de que se convocasen novas eleccións xerais.

Así o trasladou, en declaracións aos medios, tras participar en Vigo nun acto de homenaxe a alcaldes represaliados polo franquismo, e no que lembrou o "compromiso" do PSOE e do PSdeG coa memoria histórica e coa defensa das liberdades. "Dicímolo cando as tres dereitas seguen apostando por camiños que nos levan á involución, por pactos que implican retroceso no canto de avance", apostilou, e puxo como exemplo os acordos de PP, Ciudadanos e Vox en Madrid ou Murcia, que "pon en risco moitos avances alcanzados no país".

Precisamente para evitar ese retroceso, Gonzalo Caballero volveu a incidir na importancia de que "haxa un goberno progresista" en España e se chegue a un acordo "como opción preferente", e pediu "que se busquen todas as fórmulas" porque os socialistas non queren "que se repitan as eleccións".

No entanto, matizou, o seu partido está "preparado" ante un posible escenario electoral, para o que trasladou ao candidato e líder do PSOE, Pedro Sánchez, "todo o respaldo" dos socialistas galegos. "Estamos preparados para percorrer Galicia de arriba a abaixo", proclamou.

"Gustaríanos que de aquí ao 23 de setembro se consigan fórmulas de gobernabilidade a través dun goberno de coalición, de cooperación, ou un pacto de investidura con acordo programático... Válenos unha fórmula que garanta a investidura e a estabilidade dun goberno que manteña avances sociais", afirmou o líder do PSdeG, quen reiterou a súa oferta de "respaldo e lealdade" a Pedro Sánchez naquelas decisións que adopte.

CRÍTICAS AO PP E A FEIJÓO

Por outra banda, e ante unha eventual convocatoria de eleccións, Gonzalo Caballero volveu a criticar o PP, que obtivo "os peores resultados da súa historia" en España e Galicia na cita do pasado 28 de abril, e denunciou que, para "escapar do seu fracaso electoral", os 'populares' recorren a fórmulas como 'España suma'.

Ademais, reiterou, "Feijóo non quere ver a realidade" e postúlase como "exemplo" para o PP e para Pablo Casado, cando "non é un modelo de futuro nin para Galicia nin para España".

Así, lembrou, o presidente do PPdeG e presidente da Xunta "perdeu" as eleccións de abril e existe unha "fartura" por parte dos galegos tras anos de "recortes sociais" e dunha etapa "esgotada". "Sabe que non ten o apoio da maioría, e nin tan sequera é capaz de comprometer a súa candidatura", sentenciou Caballero.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nun acto con familiares de represaliados do franquismo en Vigo.. PSDEG PSOE
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, nun acto con familiares de represaliados do franquismo en Vigo.. PSDEG PSOE | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Pode comezar por esixirlle ao seu tío Abel que cumpra a Lei de Memoria Histórica en Vigo, e logo falamos do goberno... https://flic.kr/p/27eYtpj