A verdade, un nacronismo

O deterioro da verdade, ao abeiro dunha hipocrisía inconmensurable, adquiriu tal dimensión que xa nos queren ensinar a aplaudir (lexitimar) ata aos mesmos cómplices de ETA, asesinos confesos, e ao tempo maltratar a cidadáns (paisanos, veciños, mesmo familia) que sinta a inclinación circunstancial de arrimar o seu vote a un partido que defenda valores diferentes, coma se a mesma democracia non dependese precisamente diso, coma se a honorabilidade dos partidos máis grandes e de máis raigaño non estibese condicionada precisamente pola ameaza dos que desde os antípodas lle tratan de partillar os espazos sociais. Ou sexa, a propia democracia baixo ameza de morte. A esencia mesma da democracia, un estorbo.

Por Xoán Vázquez | New Yersey | 28/08/2019

Comparte esta noticia

Pero os radicais son os outros, porque neste novo progresismo, democracia só é demoler os valores milenarios e as tradicións ancestrais onde se sustenta a nosa identidade. Pechar tódolos campanarios e silenciar ata a última campaíña. Ridiculizar cada romaría. Borrar cada verso da nosa poesía, cada nome das nosas parroquias, e ata as palabras máis mornas da fala das nosas nais e avoas son un estorbo. E, así, nesta nova conformación, todos felizmente a consumir cultura marca branca de repartidor acreditado e sempre de cadea ben asentada. Dinnos que son fachas quen ergan unha bandeira de España ou desfruten dunha procesión de Semana Santa. Non lles cabe na cabeciña que poida ser unha simple afirmación cultural ou de patriotismo (concepto que xa lles é alleo), nin liberdade de expresión, nin unha maneira de expresar unha afinidade identitaria; ou simplemente porque lles peta: un exercicio de liberdade. U-la liberdade… Non, son fachas. Fachas. Non obstante, son patriotas os que erguen as estreladas con tódalas súas variantes e imitacións, aínda tamén cando llas menten nos fociños aos que non se identifiquen con elas. Fascistas os que teñen unha visión do Estado máis harmonizado, demócratas progresistas os que pretenden anaquizalo. E pretenden tratarnos tal imbéciles, falándonos xustiño do que no momento preciso a particular parroquia queira oír, alicerzando ignorancia e alimentando fantasías, desnortes, falsidades e desvaríos, con tódalas ineludibles desilusións e frustracións que diso deveñen. Iso é o que está sucedendo nalgúns sectores progresistas desta España21, desnortada, apátrida e demograficamente suicida: lémbrese o disparate da anterior administración da cidade da Coruña, aquelo de que ser gay ou LGTBI sumase puntos para ser funcionario; porque, claro, en que cabeciña pode caber que os heterosexuais poidan merecer os mesmos dereitos, sobre todo se son pais de familia numerosa. Os pais de familia numerosa, ese noxento anacronismo, eses impresentables retrógrados, hai que acabar con eles como se se tratase de ratas de peirao, unha aborrecible peste. E aínda, o peor de todo, esta nova colleita amosa un raquítico espírito no que atinxe ás ambicións e iniciativas empresariais, pedra angular de toda sociedade que aspire a algo máis ca permanecer na mediocridade do eterno aspirante a Funcionario. Vén a conta aquelo de “o aprendiz de señorito… o pequeno burgués mol”. Agora xa enfeitado de progre; pero para os que temos o vicio de escoitar apercibimos nos sons de cada paso a rancia presencia do pasado máis noxento e destructibo.

É difícil discernir o berce de tanto desnorte, o ronsel de tanto deterioro, penso naquel buenismo zapateriano de disparates da altura daquela Alianza de Civilizaciones, onde un presidente de goberno dun país occidental democrático se sentía máis a gusto despachando con radicais fundamentalistas ca cos homólogos do seu entorno. Aquel progresismo de las infinitas ansias de paz, predecesor deste de miembros y miembras, de los pájaros y las pájaras, de los jóvenes y las jóvenas, que pretende privarnos ata da gloria expresiva do xenérico e do epiceno, foi labrando unha imaxe triste e preocupante, inepta, do progresismo hispánico, coa súa inevitable incidencia nas peneiras da verdade. Esta nova España é tan moderna e aberta que xa nin sabe peneirar.  Moderna e aberta será, pero con milleiros da súa xente nova tirada polo mundo adiante: xa case se pode falar dunha nova diáspora. E aí estamos, comendo nas cañeiras e bacieiros do politicamente correcto coma cochos cebando para gran matanza, axeonllados ante os relicarios da santísima arroba, alleos á veracidade das decisións e conclusións discutidas, debatidas, argumentadas, sopesadas e sometidas aos rigores das peneiras da verdade. Ou sexa, somos tan modernos, abertos e receptivos coma os vertedoiros da merda e do lixo. Non hai exclusións, todo nos serve, todo nos cabe. Todo; agás as tradicións milenarias, os valores dos nosos devanceiros, a alma mesma da nosa identidade. E aí estamos, moi contentiños e modernos, mirando con desprezo aos vellos progresistas de décadas pasadas, porque os que imos vellos non sabemos nada; sesenta e dous anos sobre a codia da terra seica suman menos experiencias ca unha desas quincalleiradas asembleas bolivarianas.

Lexionarios desfilan aclamados na concentración na Plaza de Colón en Madrid pola unidade de España e contra o referendo catalán
Lexionarios desfilan aclamados na concentración na Plaza de Colón en Madrid pola unidade de España e contra o referendo catalán | Fonte: Alberto Quian.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Vázquez Nado en 1957, na aldea do Zapatal, parroquia de Santa Mariña de Xuño, concello do Porto Do Son. Con 17 anos emigra aos EE.UU. Estuda informática na Kean University. Actualmente exerce de informático en New Jersey. O seu blog: http://xoangvazquez.blogspot.com/