Investigan a morte dun peregrino alemán que días antes sufrira un golpe na cabeza en Pontevedra

Este home rexeitou mesmo ser atendido polo persoal da ambulancia que se desprazou ata o lugar.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/08/2019 | Actualizada ás 16:59

Comparte esta noticia

A Policía Nacional de Pontevedra abriu unha investigación para esclarecer as circunstancias da morte dun peregrino de orixe alemá que hai dúas semanas bateu a cabeza ás portas do pub Tropicana da rúa Benito Corbal tras verse implicado nun enfrontamento con varias persoas.

Segundo informaron fontes oficiais da Comisaría de Pontevedra, o pasado día 12 de agosto a Policía Nacional recibiu unha chamada por un enfrontamento ás portas dun pub e, ao chegar ao lugar, as patrullas atopáronse con que un cidadán alemán, Björn Hoffan, de 42 anos, golpeou a zona baixa do cranio contra o chan.

A pesar do forte golpe, non presentaba ningunha ferida visible nin sangue e rexeitou os ofrecementos dos axentes que insistían para que acudise a un centro médico. Este home rexeitou mesmo ser atendido polo persoal da ambulancia que se desprazou ata o lugar. A continuación, foise á localidade pontevedresa de Caldas de Reis, onde estaba aloxado cuns amigos e alí, unha vez máis, rexeitou recibir asistencia médica.

Cando pasaran xa unhas 20 horas desde o golpe, este peregrino alemán empezou a sufrir convulsións e foi atendido nun primeiro momento no centro de saúde de Caldas de Reis e, posteriormente, derivado primeiro ao Hospital Montecelo e logo ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, onde entrou en coma e permaneceu na Unidade de Coidados Intensivos (UCI) durante doce días.

TRAUMATISMO

O pasado domingo 25 de agosto faleceu e todo apunta a que a causa da morte se debeu ao traumatismo cranioencefálico sufrido ao bater a cabeza contra a beirarrúa. De momento, os investigadores están á espera de recibir o resultado da autopsia para determinar a causa exacta da morte.

A Policía Nacional busca agora a posibles testemuñas do suceso para aclarar o ocorrido aquela noite. Por parte da Comisaría lembran que cando acudiron os policías ao pub da rúa Benito Corbal, ninguén quixo presentar denuncia e todo se resolveu coa presenza alí dos axentes.

Axente da Policía Nacional. POLICÍA NACIONAL
Axente da Policía Nacional. POLICÍA NACIONAL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta