O PSdeG pide o cesamento do conselleiro de Facenda "se non é capaz de garantir o pago de nóminas"

Di que "a vía máis rápida e áxil" para as transferencias é o Goberno socialista e culpa ao PP por oporse aos orzamentos. O PP pídelle ao Goberno en funcións "un instrumento lexislativo" para recibir os 700 millóns.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/08/2019 | Actualizada ás 14:27

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cualificou este xoves de "gravísimo" que o conselleiro de Facenda fale da posibilidade de que a falta das entregas a conta do Goberno central dificulte o pago de nóminas, e reclamou o seu cesamento "se non é capaz de garantir" esta cuestión.

"Se cuns orzamentos de preto de 10.000 millóns de euros, e todas as posibilidades financeiras que hai, o PP e o Goberno da Xunta non son quen de garantir e eliminar calquera dúbida sobre o pago a provedores e nóminas a funcionarios todos os meses e en todas as circunstancias, pedímoslle a Feijóo que poña ao conselleiro fóra das súas responsabilidades", dixo Gonzalo Caballero durante unha rolda de prensa na que acusou ao conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, de "alarmismo político" e pediu ao xefe do Executivo que "reflexione" se é o presidente que Galicia "merece".

Sobre as entregas a conta que reclaman as comunidades, o líder dos socialistas galegos criticou que o PP estea "desde o primeiro día nunha estratexia de suposto ataque a Galicia", o que viu como un "falso victimismo que non se corresponde coa realidade", tendo en conta que as transferencias de financiamento afectan o conxunto das comunidades.

Así, e tras criticar esta "estratexia de confrontación", Caballero lembrou que os socialistas levaron ao Congreso uns orzamentos xerais "nos que se incrementaba en 4.700 millóns de euros os fondos para entregas a conta e incrementábanse en 2.500 millóns o tema do IVE pendente".

"Foi o PP de Casado, de Feijóo, o que votou en contra duns orzamentos que permitían que chegasen ás comunidades autónomas 7.000 millóns de euros máis para ter financiamento adecuado ás súas necesidades", subliñou Gonzalo Caballero, que pediu aos políticos populares "responsabilidade" coas súas actuacións.

De feito, Caballero lembrou que o exministro Cristóbal Montoro xa remitiu en xaneiro do ano pasado unha carta "a varias comunidades" na que "lles explicaba que non podía actualizar as entregas a conta ao non ter orzamentos".

Do mesmo xeito, a Avogacía do Estado "mostrou as dificultades legais existentes para que un Goberno en funcións poida actualizar as entregas a conta que non están nos orzamentos", explicou o líder socialista, que incidiu en que "os fondos públicos teñen uns mecanismos de execución, de aplicación e de gasto de acordo á lei" e "sen orzamentos non se pode gastar como se quere nin de onde se quere".

O GOBERNO SOCIALISTA, A VÍA "MÁIS RÁPIDA"

"Se houbese presupostos, ou se houbese un Goberno en plenitude de funcións, hoxe todas as comunidades autónomas teriamos os fondos de financiamento que os socialistas temos comprometidos e queremos darlles ás comunidades", resolveu Caballero.

De feito, a preguntas dos medios, o secretario xeral dos socialistas galegos apuntou que "a vía máis rápida e áxil" para que se produza esta transferencia é que "o 24 de setembro" haxa "un presidente do Goberno de España en plenitude de funcións" e garantiu que "a primeira decisión que vai tomar o Consello de Ministros é dotar ás comunidades das entregas a conta actualizadas".

ACORDOS CON VOX

Para Gonzalo Caballero, na situación actual "o PP está a se converter nun obstáculo para a gobernabilidade de España", algo que vinculou aos acordos deste partido nalgunhas comunidades para gobernar da man de VOX.

De feito, cuestionou "que credibilidade" ten o PP "falando de financiamento autonómico" cando está a gobernar en coalición con VOX, "que se opón ás autonomías" e acusou a Feijóo de "pór á Xunta a disposición do PP de Casado".

Así, tamén sacou a colación unha fotografía, difundida en redes sociais polos socialistas, na que pode verse ao candidato popular á alcaldía da Guarda xunto co líder de VOX, Santiago Abascal, que se atopa de vacacións en Galicia. "Preocúpanos que os dirixentes do PP en Galicia se empecen a abrazar a Abascal e a VOX cando Abascal vén de xira por Galicia, e querémoslle preguntar a Feijoó se ese abrazo é o abrazo que o PP está disposto en Galicia a darlle a VOX cando lle fagan falta os votos", resolveu.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero.
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. | Fonte: Europa Press

O PP PIDE UN "INSTRUMENTO LEXISLATIVO"

Pola súa banda, o portavoz do grupo parlamentario do PP, Pedro Puy, reclamou ao Goberno en funcións "un instrumento lexislativo" que sexa efectivo para conseguir a transferencia do financiamento a conta que corresponde ás comunidades autónomas en xeral e a Galicia en concreto.

Precisamente, este mércores ante os medios de comunicación referiuse a a posibilidade de que o Executivo de Pedro Sánchez saque adiante un "Decreto Lei ou unha Iniciativa Lexislativa", como "fixo o Goberno en funcións de Mariano Rajoy" ante "razóns de urxente necesidade".

Ademais, Puy acusou á Administración nacional de "cometer un dobre escándalo" xa que, por unha banda, pretende "reducir o seu déficit ou evitar que suba máis" á conta dos "recursos das comunidades autónomas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta