Casado en contra da fusión de concellos que propón o PPdeG porque produce "desarraigamento"

O Partido Popular de Galicia é un dos grandes defensores da fusión dos concellos tras impulsar a de Oza-Cesures e Cerdedo-Cotobade.

Por Europa Press / Redacción | Ávila | 31/08/2019 | Actualizada ás 14:01

Comparte esta noticia

O presidente do PP, Pablo Casado, rexeitou a "fusión de municipios", algo que recoñeceu que é "legal" pero que produce "desarraigamento", para incidir en que o importante é ser "máis eficientes no gasto" e "evitar duplicidades" e así dar "mellores servizos" ao mundo rural.

Así o sinalou durante a súa visita á localidade abulense de Las Navas del Marqués que o luns quedou alagado polas treboadas rexistradas na zona. Curiosamente, o Partido Popular de Galicia é un dos grandes defensores da fusión dos concellos tras impulsar a de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade.

Neste marco, o presidente dos populares, subliñou o carácter "municipalista" da súa formación e rexeitou a fórmula de "fusión de municipios", que "xa se pode facer legalmente", matizou, pero que, na súa opinión produce "desarraigamento".

"De nada serviría fusionar municipios pequenos que non teñen orzamento e cuxos servizos básicos son prestados pola Deputación que é quen mellor mancomuna eses servizos, porque non se produciría aforro e si certo desarraigamento porque moitos veciños ven no seu municipio un cemiterio, que é onde están enterrados os seus pais, ou unha escola pequena onde queren que volven os seus fillos", explicou.

Neste punto, Casado mantivo a súa defensa das Deputacións provinciais porque son "quen mellor fan todo isto". "Cando pasa algo como as inundacións desta semana nas Navas son estas institucións as que tramitan todo o necesario para traer aquí a maquinaria, quen tramitan axudas e fan uso das súas competencias", explicou para concluír a súa intervención insistindo en que o que hai que evitar son as "duplicidades e ineficiencias no gasto" e si "eficacia na xestión" tal e como o PP acreditou "moitos anos".

Pablo Casado
Pablo Casado | Fonte: CARLOS MÁRQUEZ - EUROPA PRESS

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Frances Sieiro

Evidentemente, este señor descoñece a realidade territorial de Galicia. Só fai falta escoitalo falar dos cemiterios municipais para decatarse de que vive noutra nación que non é esta.