O BNG insiste en que Feijóo use a vía xudicial para esixir os 700 millóns e critica a súa "falta de acción política"

Pontón avanza "unha ofensiva" para defender os intereses de Galicia en Madrid e erixe ao BNG en "alternativa" ao "fracasado" modelo de Feijóo

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/09/2019 | Actualizada ás 12:52

Comparte esta noticia

A portavoz do BNG, Ana Pontón, lamentou que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, se limite a impulsar "unha estratexia mediática" en relación aos 700 millóns de euros que demanda ao Goberno central e censurou a súa "falta de acción política", á vez que insistiu en que debe acudir á vía xudicial.

"Feijóo non debería renunciar a nada e sorpréndeme que non vaian á vía xudicial", advertiu Pontón, nun arranque de curso político marcado polo debate ao redor dos 700 millóns que demanda a Xunta ao Goberno de Pedro Sánchez: 330 millóns das entregas a conta pendentes do financiamento autonómico, 200 millóns dunha mensualidade do IVE de 2017 e outros 170 millóns de incentivos por cumprir as regras de estabilidade financeira.

A dirixente nacionalista interpretou os pasos dados pola Xunta como "unha estratexia mediática moi subordinada", ademais, ás directrices do seu partido en Madrid, e acompañada, ao seu modo de ver, por "unha falta de acción política". Neste punto, insistiu en que a Xunta debe acudir á vía xudicial.

E é que, ao seu modo de ver, unha sentenza despexaría un debate que, en todo caso, "non é tanto xurídico como político". Non en balde, mostrouse convencida de que, se o Goberno de Sánchez quixese transferir os fondos a Galicia, podería facelo a través de vías como o impulso dunha lei ou tamén un préstamo.

Con todo, afeou que a Xunta estea inmersa nun "pimpampum" co Executivo central e que lle "interese máis" a "confrontación" co PSOE que buscar unha "solución". Así, reafirmouse en que Feijóo debería obviar as directrices do seu líder, Pablo Casado, e impulsar un recurso xudicial.

Dito isto, recalcou que os 700 millóns que demanda o Executivo galego non son "máis que unha pinga de auga" e que sería "máis importante" tratar de conseguir que os recursos que se recadan en Galicia --mediante o imposto de sociedades, por exemplo-- "queden" na comunidade.

"OFENSIVA" FRONTE A "IRRELEVANCIA POLÍTICA"

Neste sentido, avanzou que o reto do BNG é impulsar "unha ofensiva" para defender os dereitos e os intereses de Galicia en Madrid. Tamén "abrir unha nova etapa" na que a formación nacionalista traballará para "deixar atrás" o "fracasado" modelo de Feijóo e o "desastre" que ligou coas súas medidas políticas.

"Ou nos facemos valer ou non imos avanzar", proclamou a dirixente nacionalista, quen, ante a incerteza acerca de se será necesario repetir ou non as eleccións no Estado, subliñou que, se isto ocorre, pode ser "unha oportunidade" para apoiar electoralmente ao BNG e garantir que Galicia conte "con voz propia" en Madrid fronte "a tanto agravio".

Pontón, en rolda de prensa. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO
Pontón, en rolda de prensa. BLOQUE NACIONALISTA GALEGO | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta